26/2/10

Resumo do informe


Despois de pechada a non conformidade resultante da auditoría de onte, resumimos as observacións feitas, que axudarán a que o noso Sistema sexa máis efectivo:
- Debemos rematar de adaptarnos á norma UNE-EN ISO 9001:2008, xa que están pendentes os procedementos dos puntos 7 e 8.
- Faranse correccións sinxelas, debidas a erros de interpretación ou a simples despistes, mellorando a efectividade dalgúns controladores (como no caso do control das accións correctivas).
- Procurarase manter un rexistro das reunións do departamento de Orientación no centro.


A Auditora detectou as seguintes oportunidades de mellora:
- Optimización dos cadernos do profesor, e desenvolvemento do caderno electrónico.
- Reducir a burocracia do sistema, así como optimizar a documentación.
Estes aspectos deberán ser tratado desde o Equipo de Dinamización da Calidade, constituído en Grupo de Mellora.

A Auditora Xefe sinalou como puntos fortes da nosa organización os seguintes:
- Colaboración do persoal auditado.
- Implicación do Equipo Directivo no sistema de xestión do centro.
- O blog "O Remuíño".
Sentímonos moi orgullosos destes comentarios, especialmente do primeiro punto, polo que supón de implicación do profesorado no desenvolvemento do traballo. Agradecemos tamén a Noelia, o seu bo carácter e a súa actitude de colaboración e comprensión, que sen dúbida foron de gran axuda para todos.

Non conformidades





A falta de analizar polo miúdo o informe feito pola Auditora Xefa, a auditoría de onte ofrece un resultado magnífico: tan só unha non conformidade, que afecta á xestión, e que se solucionará hoxe mesmo. Polo tanto, non será preciso realizar un Plan de Accións Correctivas. Diante disto, so nos queda felicitar a todo o persoal, tanto o que participiou directamente, como o que tivo que substituir, o que tivo destino neste centro en cursos anteriores, e todos aqueles que pasaron os seus inevitables nervos ao enfrentarse a esta nova experiencia. Sen todos vós este resultado sería imposible. Por iso, a todos, PARABÉNS E MOITAS GRAZAS.

25/2/10

Rexistro de chamadas ás familias


Moitas veces vémonos na necesidade de chamar por teléfono á familia dun alumno, para que veñan recollelo porque se puxo malo, para facer unha consulta sobre o seu comportamento, para citala para unha entrevista,... En moitos casos, non temos constancia de ter realizado esta chamada en ningún lado, ou non está claro por que o fixemos. Para facilitar o noso traballo, e asegurar a verificación desta chamada, colocaremos a carón do teléfono de secretaría un caderno, onde calquera persoa da comunidade educativa que avise á familia dun alumno anote as circunstancias desta chamada. Para ver o modelo, podes clicar aquí.
Probarémolo, e se dá bó resultado, integrarémolo no noso Sistema como un rexistro máis. Se tés calquera suxestión, non esquezas comentala.

24/2/10

Auditoría Externa



Moitos vos preguntaredes para que hai que pasar unha segunda auditoría (con persoal externo), se xa pasamos unha auditoría interna. Tentaremos explicalo de forma sinxela.
O obxectivo da auditoría interna foi revisar toda a documentación para ver o que se podía mellorar. E a externa consiste en comprobar desde fóra, que de verdade fixemos o que tiñamos planificado. A función de Noelia (a auditora que virá) é axudarnos a comprobar que realmente está todo como ten que estar. A nosa función é colaborar.

Poñamos un exemplo: a un titor pode preguntarlle por un alumno con NEAE. Se o resultado na última avaliación foi negativo, houbo propostas de medidas a tomar. Temos rexistro do seu seguemento no noso caderno ou no da profesora de apoio?
Que pasa se non temos o que se nos pide? Nada. A auditora anota que non ten evidencia de que estes datos estean recollidos, sen explicitar o profesor ou alumno concreto (non é un dato relevante) para que busquemos logo formas de solucionalo. Por suposto, os datos concretos de alumnado, profesorado, etc., son completamente confidenciais, e non entran a formar parte da auditoría. O que interesa é se se está cumprindo o proceso que temos planificado, e cales son as evidencias de que se cumpre.
Unha vez rematada a auditoría, Noelia redactará un informe, no que se enumeran as accións que debemos levar a cabo para reparar posibles erros e daranos un prazo dun mes para facer un Plan de Accións Correctivas. Enviarémoslle este Plan, e deste xeito quedará actualizada a nosa certificación.

23/2/10

Segunda avaliación

Achégase o final do segundo trimestre. Parece mentira, pero xa temos que ir recopilando todos os rexistros para ir subindo as cualificacións á aplicación XADE. Os primeiros, como sempre, serán os de Infantil. O día 2 de marzo será a data tope para imprimir os borradores, xa que a súa sesión de avaliación se celebrará o día 4 de marzo. Non esquezas consultar o calendario, para que toda a documentación estea lista no momento de celebrar a reunión. Nas entradas correspondentes á primeira avaliación do Remuíño tés a relación de documentos que precisas. Os titores xa teñen os impresos das actas nos seus ficheiros.

Medidas de Autoprotección


Na tarde de onte reuniuse a Xunta de Autoprotección e aprobou o documento que analiza os riscos potenciais do centro e as medidas a tomar en caso de emerxencia. Podes consultalo clicando aquí.
Nos vindeiros días poñeremos a proba o noso sistema, e detectaremos en que partes debemos mellorar as condicións do noso centro para sentirnos máis seguros.