2/9/21

Comezo do curso 2021-2022

A falta da viñeta de Davila sobre o comezo de curso... esta moi boa de Xosé Tomás...
 

Comezamos o novo curso (2º curso da era Covid) sen carencias de profesorado, pero con outras dificultades que teñen que ver co mantemento e limpeza (ou coa falta dos mesmos por parte de quen corresponde) e co persoal non docente: ausencia de conserxe (un ano máis).

Seguindo os procedementos do noso Sistema de Mellora levamos a cabo a acollida do profesorado de nova incorporación.

Velaí estades...




Benvidas e benvido! E moita sorte e ánimo a todo o profesorado!


13/7/21

Misión, visión e valores (2021-2025)

 Nos pasados meses renovamos a Misión, Visión e Valores do centro. Tátase dun documento que ás veces pasa desapercibido pero no que expresamos o que para nós, como comunidade educativa, representa o CEIP dos Muíños. Todos os obxectivos que se propoñan van ter relación con esta Misión, polo que funciona como un punto de partida para enfocar o noso traballo e o estilo do centro.

Para elaborar este documento, normalmente constituímos un grupo de traballo reducido (5 ou 6 persoas) que a elaboran nunha xornada a partires das aportacións de ideas do Claustro e o Consello Escolar. Na presente elaboración da Misión tivemos que adaptarnos ao protocolo Covid e traballar online xa que non era aconsellable facelo de xeito presencial. Para levalo a cabo elaboramos un cuestionario de partida que nos permitiu contar coas ideas de toda a comunidade educativa.

 

Facendo clic neste enlace pódense ver os resultados finais. A nova redacción da Misión quedou así:

A finalidade do CEIP Os Muíños é fomentar a creatividade e o espíritu crítico no alumnado, para acadar o éxito escolar a través dun enfoque innovador, colaborativo, compensador de desigualdades e inclusivo, que favoreza un clima saudable e seguro e o compromiso de toda a comunidade educativa.

 

 

 

1/3/21

Xa temos data para a Auditoría Externa

Finalmente a auditoría externa terá lugar o 15 de marzo, de 9,30h a 16,30h. Non faltedes que é moi interesante! Estresante, non, interesante!



15/2/21

Auditoría interna 2021

 Entre a derradeira semana de xaneiro e primeira de febreiro viñemos desenvolvendo a auditoría interna deste ano. Para a daptarnos aos requisitos que nos impón o Protocolo Covid, non recibimos persoal alleo ao centro e actuou como auditora acreditada a nosa compañeira Susana Seoane, quen xa fora responsable de calidade hai anos, cando se puxo en marcha este sistema no noso centro. Aproveitando a súa experiencia e retorno ao cole, pedímoslle que revisase a nosa documentación e procedementos para facer o filtrado perante a auditoría externa que terá lugar en marzo.