31/8/14

Comezamos o curso da LOMCE

Xa está aquí o curso 2014-2015, coa amentada LOMCE. A intención da Lei, segundo os seus apoloxetas, é a Mellora da Calidade da educación. E... de que nos soa iso da mellora da calidade?

En calquera caso, esteamos dacordo ou non coa nova lei, a nosa obriga será aplicala e, na medida das nosas posibilidades, mellorala.
No cole hai novidades, como todos os anos. Xa iredes tendo noticia das boas e das malas. Nós destacamos unha que xa saiu na prensa e que afecta, este ano, a quinto curso e o vindeiro a sexto: a nosa inclusión no programa e-dixgal nas aulas Abalar. Estes anos eses cursos empregarán libros de texto dixitais exclusivamente e, ao ser unha experiencia piloto da consellería, a Xunta corre cos gastos deses libros. Para alegrarnos un pouco deixámosvos cunha viñeta do xenial Davila. Ánimo, que xuño xa está á volta da esquina!


20/3/14

2ª avaliación


Xa vai fóra a segunda e pola terceira avaliación imos entrando.
Corrixir e poñer notas, pelexar co XADE, facer reunións de avaliación, cubrir actas, boletíns... e provocar algún disgusto. Veñaa, que xa queda menos!

14/3/14

Auditoría externa 2014

Os días 10 e 11 deste mes tivemos a auditoría externa anual que este ano foi de renovación. Parece que todo foi bastante ben: algunhas observacións que nos fai a auditora teñen que ver coa xestión da documentación, coas compras, con algún pequeno esquecemento... nada grave, en calquera caso. Só se rexistrou unha non coformidade e esta foi allea ás nosas competencias, porque ten que ver co mantemento e nós pouco máis podemos facer que demandar que nolo fagan periodicamente e insistir se non nolo fan.

Grazas a todas e a todos vós pola vosa colaboración e polo bos resultados acadados que nos permiten renovar e manter a certificación de AENOR nos termos que se indican no informe da auditora: "o sistema de xestión de calidade  percíbese como un sistema apto e que evoluciona de forma axeitada, existindo unha sistemática solidamente implantada e asumida polo persoal do centro".

4/2/14

Fotos da auditoría interna e do curso sobre TIC

Facendo clic na imaxe pódese ver unha presentación coas fotos da Auditoría e do Curso sobre TIC que iniciamos a semana pasada.

23/1/14

Auditoría interna 2014

Como todos os anos por estas datas, realizamos a nosa Auditoría interna. Desta volta participan como observadores Carolina (orientadora), Mª José (Infantil) e Roberto (Educación Física). As compañeiras co CRA Nosa Sra. do Faro de Ponteceso, Ana Montáns e Rosa Barreiro, farán a función de auditoras externas, xunto co representante da Consellería Rafael Villaverde Aboal. Ademais contamos co compromiso de asistencia do Inspector Jesús Risueño López e do Xefe da Inspección Fermín Álvarez Lata. Será un día ben longo pero esperamos que proveitoso, xa que a auditoría interna prepara o camiño para a externa que terá lugar a primeiros de marzo.

17/1/14

Consecuencia dos temporais ou da mala calidade dos materiais?


Alguén comentou con retranca ao pasar polas escaleiras do 2º andar da amplación:

- Ah, xa vexo que estades a celebrar a semana da prensa na escola. 

O certo é que á prensa xa lle mandamos unha reportaxe das últimas desfeitas nos edificios do centro. Si, vale, os temporais foron ben fortes, pero xa antes deles tivemos que adicar gran parte do noso tempo a reclamar desperfectos por causa duns materiais de moi baixa calidade na remodelación do colexio.

Nós preferimos empregar o noso tempo en educar, e a prensa como recurso educativo, pero ás veces a súa función remata sendo a de secar o chan empapado polas goteiras. Un chan polo que a diario teñen que pasar ducias de alumnos do CEIP dos Muíños.