16/3/11

Auditoría Externa

Como todos sabedes, a Auditoría Externa desenvolveuse durante dous días, o 28 de febreiro e o 1 de marzo. Tratábase dunha ocasión especial, xa que esta era unha auditoría "de renovación": hai que facela cada tres anos, para asegurar que o Sistema que temos deseñado goce de boa saúde, amosando que todos os rexistros se manteñen ao día, e que o traballo se actualiza e renova.
Durante a primeira xornada auditáronse as actividades de aula, e colaboraron no traballo as profesoras de Educación Física, e as titoras de 5º de primaria e de 6º de infantil . Queremos agradecer especialmente a súa dispoñibilidade. Tamén foi revisado todo o apartado de Orientación, no que participaron a orientadora e os mestres de PT. Sen o seu bo facer sería moi difícil poñer ao día este procedemento, un dos máis importantes para o noso labor, porque nel conflúe unha boa parte das nosas tarefas. Auditouse no propio luns a Xefatura de Estudos, e iso supón un enorme esforzo para Begoña, que acaba de estrearse no cargo neste curso.

No segundo día foron auditadas as responsabilidades da dirección e a xestión do sistema. Tivemos a sorte de contar coa presenza do Inspector Xefe e da Inspectora de Zona, que fixeron interesantes aportacións durante a auditoría. Con eles realizamos a visita ao centro, para revisar as infraestructuras, un dos nosos puntos febles.


Unha vez revisados todos os rexistros e o propio centro, a auditora, Patricia, encerrouse no despacho para redactar o Informe de Auditoría. Cando rematou, recibimos a boa noticia de que so resultaran dúas non conformidades:
- Infraestructuras: detállanse as carencias que presenta o centro, e que xa foron detectadas noutraas ocasións (simulacros de autoprotección, inspeccións de sanidade,...). Por outra parte, temos constancia delas polas constantes anotacións no caderno de mantemento, e os resultados das enquisas de grao de satisfacción que realizamos en abril.
- Servizos: Faltan algúns rexistros da nosa actividade docente. Trátase dunha proba máis da situación na que comezamos este curso. Lembrade que, ao inicio das clases faltaban 5 mestres por nomear, algúns deles titores; non tivemos unha segunda especialista de inglés ata finais de outubro, e a responsable de Orientación adscribiuse a este centro neste curso. Con todo, o balance é máis que satisfactorio, se temos en conta o número de baixas e conseguintes substitucións producidas.



Xa temos redactados os informes que enviaremos á empresa AENOR. Neles detallamos o que imos facer para dar solución ás non conformidades detectadas:
- Manteremos o contacto coa Consellería, para facer un seguimento das obras que se van executar, con especial atención nos puntos febles sinalados no informe de Patricia.
- No comezo do vindeiro curso procuraremos poñer a disposición do profesorado (especialmente do de nova incorporación) a documentación necesaria para o seu labor. Veremos se é posible iniciar o curso con normalidade, con tempo suficiente para formarnos e adaptarnos.
Para rematar, pensamos que é preciso destacar os puntos fortes detectados pola auditora, e que son produto do esforzo diario dos profesionais que traballan no centro. Por todo isto, felicitámonos e agradecemos aos mestres, ás mestras e ao pesoal non docente a súa ilusión e o seu esforzo.