10/2/13

Cuestión de educación

Este foi o título da reportaxe que hai unha semana emitiu "La Sexta" dentro do seu programa "Salvados". Jordi Évole, o seu presentador, é o que fai as preguntas pertinentes ou impertinentes, esas que todos quixéramos facer e que ás veces non nos atrevemos, ben porque pensamos que non son convenientes, ou porque cremos que nos tomarán por tontos se as formulamos. Creo que case todos os docentes estivemos diante da pantalla aquela noite. Por se acaso eres un dos que non estiveron, non tés máis que premer aquí e podes adicar uns minutos (ben investidos) a ver e escoitar.
Máis de 4 millóns de espectadores seguiron o programa (no momento estelar, 5.307.000, un 23.6% de share). Podemos pensar que moitos fans da Esteban tamén estaban vendo "Salvados", e iso é unha excelente noticia.
Coma sempre, despois do acontecemento, desátase unha chuvia de opinións, ás veces tormenta, da que podemos tirar moitas conclusións tomando un café na sala de mestres, ou de charla nun bar. 
A parte negativa sucede cando algúns opinadores de profesión, sen preguntar, opinan cousas "chuscas" coma esta, co perigo de que o fan non so desde o twitter, senón desde a tele, unha plataforma desde a que o chío se transforma en estrondo estarrecedor. 
Afortunadamente, tamén contamos con profesionais que aportan o seu gran de area, e xa coñecemos todos aquilo de "tacita a tacita...". A miña intención é aportar tres groliños máis, dos que teño visto esta semana, para pararse a pensar. 
Esta viñeta explica moi ben por que son máis de 2.500 km. os que nos separan de Finlandia. Comecemos por saber que todo o que atinxe a educación en Finlandia está en mans dos Concellos -non só o mantemento das instalacións-, e iso aquí sería factible? Se queres máis información sobre o sistema, podes premer aquí para ver un resumo en 5 claves do seu éxito.

Sistema educativo español.
Sen embargo, non todo é música celestial. Como di Ana Rosa, todos coñecemos o elevado índice de suicidios entre os adolescentes finlandeses. Podes ler aquí un interesante artigo no que se analiza a importancia da responsabilidade que se inculca nas súas escolas, fronte á felicidade que todos buscamos para os nosos pequenos. É ben difícil escoller. Pero ... quen dixo que era necesario elixir? 



Sistema educativo finlandés
O informe PISA non inclúe ningún parámetro no que se reflicta o nivel de felicidade do alumnado, nen aquí nen en Finlandia. E tampouco -todo hai que dicilo- o do profesorado.
Todos os que estamos "a pé de obra" sabemos do esforzo e da ilusión que investimos no noso traballo. Sabemos das horas extra que adicamos a pensar e repensar o que facemos día a día. Non perdamos a confianza en nós mesmos porque estamos a anos-luz de Finlandia. Se cadra, un destes "buracos negros" nos que nos metemos acabará levándonos moi perto deles. Ou é que xa estamos máis perto do que parece?
Para rematar a reflexión déixovos a opinión de Fernando Trujillo, profesor da Universidade de Granada, cun suxestivo consello: "Jordi, no vayas a Finlandia".