19/10/10

Satisfeitos coa acollida?

Un dos indicadores que pode dar fe das condicións nas que se iniciou o curso é o da acollida ás familias de nova incorporación. Entre o novo alumnado de 3º repartíronse enquisas para avaliar o seu grao de satisfacción. Consideramos que as respostas son satisfactorias se obteñen unha cualificación de 3 ou 4. O 80% das enquisas deben ser satisfactorias. Eis os resultados.




Como vedes, o 54% das enquisas resultaron non conformes (tiveron unha puntuación por embaixo de 16 sobre 20, porque puxemos o listón moi alto).


Se observamos o resultado polo miúdo, proporciona información moi interesante:

As preguntas non satisfactorias son a 2ª ("Xa sabes onde está cada lugar (a biblioteca, a aula de inglés, dirección, os baños,...?"), e a 4ª ("Entendes as normas do Regulamento de Réxime Interno?".)

As sastisfactorias (con cualificación de 3 ou 4) son a 1ª ("Gustouche a visita que fixeches ao centro?") e a 5ª ("Sabes usar a axenda?"). A pregunta 3ª ("Entedes a información sobre o horario escolar?" ten unha aceptación media.


Naturalmente, isto non quere dicir que os nosos alumnos de 3º non se saiban mover polo centro, ou que non saiban que está ben feito ou mal feito. So quere dicir que unha boa parte deles, no momento de comezar as clases, se sentían desorientados. Este resultado é lóxico, xa que nós mesmos, dadas as condicións nas que se desenvolveu o inicio deste curso, nos sentíamos igual.



Por esta circunstancia, entre outras, os rexistros que obtemos de cada actividade nos serán moi útiles á hora de reflectir as nosas condicións de traballo, e de reclamar diante dos responsables, melloras para o noso centro, se é que buscamos presumir dun ensino de calidade.

A orixe das boas ideas


"Elogio a la lentitud" (noutras versións "Elogio de la lentitud") é un libro escrito por Carl HONORÉ, e publicado xa no 2005, que se insire no movimento SLOW, unha corrente de pensamento que promove a vida lenta como favorecedora da felicidade. O traballo en exceso, os horarios sobrecargados, a tensión e as preocupacións xeradas por situacións laborais caóticas non favorecen a productividade e a eficiencia no traballo. Esta mesma filosofía pode aplicarse, por suposto, á forma de comer ("slow food" frente a "fast food"), de deseñar as cidades e o noso espazo vital, de educar aos nosos fillos, de distribuir o noso tempo libre, e mesmo de facer o amor (aínda ninguén escoitou nada sobre o "sexo tántrico"???).
O video de embaixo é unha forma moi clara de presentar de onde proceden as mellores ideas, e penso que detrás destas imaxes subxace unha constante: o descanso. As mellores ideas non xurden espontáneamente, senón que teñen un tempo de reflexión, de maduración, de relax ... O noso cerebro responde mellor cando descansa, funcionamos mellor cando aproveitamos o noso tempo de lecer, cando disfrutamos da familia, dos amigos, dos compañeiros de traballo,... en definitiva, cando buscamos deses instantes, mesmo breves, de felicidade (mellor se é compartida). Poderíamos aclarar ás nosas autoridades que o "SLOW" non significa "non facer nada", "ser inoperante", ou "botarlle o morto a outros", senón "repartir mellor os recursos en beneficio de todos"... Tómate o teu tempo e mira o video... a ver se se che ocorre unha boa idea!
Grazas a "Mesturas" por compartir a súa sabedoría.