22/1/10

RESULTADOS DA 1ª AVALIACIÓN DO CURSO 2009-2010

Parece que foi onte cando comezamos o curso, pero xa estamos inmersos no 2º trimestre académico do curso 2009-2010.
A continuación, podedes botar unha ollada aos resultados da 1ª avaliación, datos obtidos das actas das xuntas de avaliación que se celebraron antes do Nadal, e nas que cada titor tomou rexistro de todas as observacións pertinentes.



1.- Gráfica do balance trimestral:

2.- Control dos cursos:


21/1/10

Que pasa coa auditoría?

Como lembramos no último claustro, o luns, 25 celebraremos a Auditoría Interna correspondente a este curso. Moitos temos participado xa noutras auditorías, pero é natural que os que non participaron ata agora se pregunten exactamente que é e como lles vai afectar.
Realizar unha auditoría é como facer inventario. Trátase de ver o que temos, e comprobar que todo está no seu sitio, tal como prevíamos a principios de curso. Sería ideal que todo cadrase tal como planeamos en setembro, pero xa temos asumido que non vai ser así. Por iso facemos a auditoría: para averiguar que é o que non está donde debería, e pensar logo como podemos remedialo.
Por exemplo, se temos establecido que, como medida de seguridade, os botiquíns do centro se revisan unha vez ao ano, nunha auditoría se comprobará que están revisados,e a data da última revisión. Se temos establecido que o 70% das programacións deben entregarse antes do 15 de Outubro, durante a auditoría se buscará a documentación que reflicte que polo menos o 70% das programacións foron entregadas nese prazo.

En que me afecta a min a auditoría como mestre do centro?
Faremos un esforzo para que se note o menos posible, pero será inevitable que repercuta nos horarios, e nas substitucións. Pedimos a túa comprensión, e a túa colaboración, como sempre que se desenvolve unha actividade extraordinaria no centro.
Durante a auditoría, escollerase, ao chou, algún mestre do centro para pedirlle que colabore na auditoría directamente. Pedirémoslle que nos explique como completa o seu caderno como fai o seguimento da programación, a forma en que calculou a cualificación na avaliación, seguindo os criterios acordados a principios de curso, etc. Nese momento, é anconsellable comentar todas as dúbidas que se teñan, facer preguntas, observacións, e anotar canta suxestión poida ser útil para máis adiante. Non se trata dun exame, ou de buscar erros, ou de sinalar a ninguén; iso non sirve de nada. Trátase de buscar a forma de melloralo.
E que pasa se algo non está ben?
Nunha auditoría nunca está nada "ben" ou "mal". Simplemente non está conforme ao que tiñamos planeado. Se o botiquín non está actualizado, ou non se pode demostrar que se entregaron as programacións en tempo, ou non aparece o seguimento das actividades na aula, tómase nota, e búscase a causa para atopar a forma de remedialo. Pode ser que se nos esquecese apuntar a data de renovación do botiquín, que as programacións non se entregaran en tempo porque fallaron os ordenadores, ou que non se rexistraran as actividades de aula porque non sabíamos que tiñamos que facelo. Por iso procuraremos a maneira de previr que non volvan caducar os medicamentos, que todo o profesorado poida cumprir o prazo de entrega, ou que se lembren de anotar as actividades que van facendo cada día.
E por que ten que vir persoal alleo ao centro?
O noso cole non é moi grande, pero a súa xestión é complexa. Para revisar toda a documentación nun so día precisamos axuda. Outra razón é que o persoal que non pertence ao centro pode aportar suxestións a partir das súas experiencias, que nos axuden a mellorar a nosa. É unha excelente oportunidade para intercambiar información; por iso vos pedimos que abrades ben os ollos e anotedes calquera comentario que nos poida axudar. En cada grupo estará presente un compañeiro noso que axudará na tarefa.

Se queres coñecer cal é o plan que temos para ese día, con horarios e documentación a revisar, clica aquí.
Non esquezas compartir a hora do café. Verémonos ás 11.50