17/1/11

Simulacro de evacuación

O día 13 realizouse na escola o ensaio de simulacro de incendio. O obxectivo era comprobar se todo o alumnado e o persoal está preparado para un simulacro real. O tempo empregado no desaloxo (2 minutos e 32 segundos) demostra que o alumnado está sobradamente preparado. O persoal responsable de cada planta encargouse de desconectar o fluido eléctrico e revisar todas as dependencias, e o persoal de cociña comprobou que o gas estaba cortado. Deste modo, todos se reuniron no patio cumprindo coas consignas, o que mereceu a felicitación do xefe de bombeiros.
O persoal do Parque de Bombeiros de Cee trasladouse ao centro, e despois de comprobar que o desaloxo se realizaba segundo o estipulado, realizaron eles mesmos un simulacro de extinción de lume na cociña. Despois, contestaron ás preguntas que o alumnado lles fixo, para aclarar dúbidas sobre medidas de seguridade, e sobre todo sobre o propio traballo e equipamento dos bombeiros.
Para rematar, accederon co camión ao recinto da escola, e realizaron unha proba de rescate no segundo andar do edificio de ampliación, para saber se se podería efectuar un salvamento sen problemas.
Agradecemos ao Parque de Bombeiros de Cee a súa colaboración, moi valiosa para a seguridade do alumnado e o persoal da nosa escola.