9/9/11

Preparación do primeiro día

As clases comezarán o día 13 de setembro. Seguramente unha boa parte do alumnado quedará na casa para recuperarse das festas da Barca, pero o que se presente deberá ser acollido como se merece. Para que o día transcorra con tranquilidade, celebramos hoxe unha reunión e puxémonos dacordo sobre o horario a seguir. Se queres consultalo, preme aquí e poderás velo con detalle.






Aproveitade ben este fin de semana. E vide o martes cun grande sorriso na cara e as baterías ben cargadas. Comezan as clases.

5/9/11

Xa temos a axenda

Hoxe rematou o reparto da axenda entre os mestres. Cando o alumnado se incorpore ao centro, as novas axendas para o curso 2011-2012 estarán preparadas, para que coas súas letras miúdas e imperfectas rotulen o nome na portada. O seu interior irase enchendo de anotacións, datas imprecisas e deberes por facer. Esperamos todos que sexa un veículo de comunicación entre a escola e as familias, asegurando o percorrido dos pequenos pola nosa nova escola.

4/9/11

Reanudando

Entre ruídos, golpes, traslados e obras varias, a pesares de todos os inconvintes, o claustro reuniuse por fin para organizar o curso. Reanudar podería ser a palabra exacta, porque neste momento volvemos "atar" ou "anudar" todo o que tivemos que desfacer ou desatar no mes de xuño. Facémolo na confianza de que estes novos nós nos manteñan firmes e unidos para afrontar un novo ano de traballo con nova xente, novas cores, novo aire... Por iso é preciso destacar a paciencia do profesorado, a boa disposición e as gañas amosadas a pesares das incomodidades nas que estamos traballando.



Durante esta reunión o profesorado adscribiuse a grupos, ciclos e equipos e se escolleron coordinacións. Tamén foi revisado o calendario escolar, e fixamos como día non lectivo o 18 de maio, á espera da autorización da Xefatura Territorial.