29/2/12

Auditoría Externa

Durante o día de hoxe desenvolvemos a xornada de Auditoría Externa. Puntualmente, coma sempre, presentouse no centro a nosa auditora, Noelia Cea Guitián, e pouco despois o inspector, Félix Perujo de Llano. Durante a mañán auditáronse as actividades de aula, as funcións de secretaría (compras, infraestruturas,...) e o sistema de mellora (obxectivos da dirección, revisión do sistema, ...). Fixemos unha breve pausa no momento do recreo para compartir impresións e café, e reanudamos o traballo ata ás dúas e media. Xa sen a presenza do inspector e logo do xantar, e despois de esbozado o informe final, revisamos as obras acompañados do responsable da empresa AEDES e do responsable da Unidade Técnica. Isto permitiunos revisar cuestións que quedaban pendentes da auditoría anterior (instalación de portas antipánico, luces de emerxencia, situación da cociña, ...).
Completado o informe, Noelia deunos a coñecer o seu resultado, que presenta dúas non conformidades asociadas á planificación (debemos facer un rexistro máis exhaustivo no seguimento de algúns obxectivos), e ás accións correctivas. Dado que son calificadas como "menores" e non teñen trascendencia, non será preciso enviar -como si se fixo en cursos anteriores- un Plan de Accións Correctivas.
Naturalmente, todo isto non sería posible se non fose polo traballo en grupo. Sen o voso esforzo, os resultados non serían os mesmos. A auditora sinalou como puntos fortes do noso centro:
- o proxecto de "Normalización Lingüística",
- as melloras realizadas na biblioteca,
- os cuestionarios enviados utilizando google docs,
- as guías para o profesorado e para as familias.
Todos estes logros son melloras conseguidas entre todos, e por iso, unha vez máis, queremos agradecer a cantidade e calidade do voso traballo, a vosa boa disposición e os sacrificios que, nunhas circunstancias como as actuais, estades facendo.
Pero, sen dúbida, o que nos fai sentir máis satisfeitos é a implicación que se reflicte no informe por parte de todo o cadro de persoal, que, tal e como se destaca na relación de "puntos fortes" que se manteñen, emprega horas libres para apoios, usa TIC´s na aula (a pesares das dificultades), usa a axenda do alumnado, rexistra as súas observacións nos cadernos, as chamadas ás familias, mantén as "mochilas viaxeiras", facendo do noso un centro que busca a mellora continua na súa tarefa diaria. Pode pedirse máis?

No hay comentarios: