23/11/10

Que teño que facer na Xunta de Avaliación?

Se és especialista, a túa función será participar da reunión aportando todas as observacións que consideres necesarias, sen sairte do tema. A primeira será comunicar ao titor que coordina a reunión que porcentaxe de programación cumpriches. Por que se fai isto? Imaxínate que a programación non chegou a cumprir o previsto (p.ex., un 80%) en catro áreas; habería que analizar as causas: o grupo é conflitivo?, o grupo é "lento"?, programáronse demasiados contidos?, coincidiron demasiados días non lectivos nestas áreas?... Habería que analizar as causas e propoñer melloras.
É conveniente que leves contigo o caderno do profesorado, porque sempre se nos esquece algo se nos fiamos da memoria.

Se és titora ou titor, ti és a responsable de coordinar a sesión de Avaliación, e procurar que sexa áxil e que ninguén se saia do tema.
Empezaremos a cubrir a acta pola segunda páxina. Aquí comeza a lista do alumnado. Hai dúas columnas: a de "faltas" e a de "áreas suspensas" ("obxectivos non cumpridos" no caso de infantil). Na columna de "faltas" consignaremos o número total de sesións ás que faltou cada alumno (facilitarásevos na folla de rexistro de XADE). Considérase que, se supera un 15% das sesións totais pérdese o dereito á avaliación continua (aínda que as faltas estean xustificadas); neste caso, o alumno ou alumna debería ser avaliado cunha proba obxectiva, e esta circunstancia debe ser comunicada á familia.

Anotaremos na acta, seguindo as claves, a causa ou causas desas faltas, e as medidas a tomar. Tamén as anotaremos no noso caderno, para o seu seguimento.

Na columna "áreas suspensas" procederemos da mesma forma: anotamos o número de áreas suspensas, as que consideremos causas deses suspensos, e as medidas a tomar. En caso de que un alumno ou unha alumna suspenda tres áreas ou máis considerámolo "alumno non conforme". Non esquezas anotar as causas e as medidas a tomar tamén no teu caderno.

Unha vez repasemos toda a lista, xa podemos cubrir a primeira folla da acta. Verás que aquí trátase de facer unha especie de resume, que lle será moi útil á Xefa de Estudos para facer o seu "balance educativo", e tamén á Responsable de Calidade, para tirar conclusións da marcha da 1ª avaliación.

Xusto embaixo do encabezado debes anotar que áreas non cumpren a porcentaxe de programación impartida (o apartado no que pon NC non debes cubrilo).
Na columna que hai embaixo consígnase cantos alumnos están por enriba do límite de faltas (número de alumnos e porcentaxe sobre o total de alumnos da túa aula). Dispós dun espazo para anotar o que comentedes en caso de que sexa un número de alumnos elevado (sería un grupo non conforme, e habería que analizar as causas e tomar medidas como grupo).
Anotarás tamén que mestres están ausentes da sesión.
Á dereita, faise constar o total de alumnos que están por enriba do límite de suspensos (é dicir, cantos alumnos suspenderon tres áreas ou máis), e a porcentaxe sobre o total. Se supera o criterio de non conformidade, deberedes analizar as causas e acordar medidas como grupo. Neste caso é aconsellable tratar o tema na vindeira reunión de ciclo.
Xa só queda asinar a acta por parte de todos os mestes asistentes. Asegurádevos de que están cubertos todos os datos, para garantir que o proceso está correctamente desenvolvido.
E rematado o traballo, xa podemos darnos por satisfeitos! Ánimo... Xa queda menos para o Nadal!


Non esquezas consultar calquera dúbida que teñas, por pequena que che pareza. O equipo directivo sempre estará disposto a axudarche. Unha vez collida a rutina da avaliación, todo resulta moi sinxelo e útil.

No hay comentarios: