2/2/11

Resultados da Auditoría Interna

Agora, rematando o día 2 de febreiro, é o momento de lembrar, recompoñer e reflexionar. A Auditoría Interna caracterizouse polo clima de traballo aberto, relaxado, e de colaboración, tanto dentro do grupo auditor, como fóra. Somos conscientes do enorme esforzo que supón para todos o día da auditoría, e por iso debemos felicitarnos polo seu resultado.
Con todos os datos recollidoselaborouse unha lista na que se resumen as áreas auditadas e as non conformidades detectadas. A modo de resumo de todo o proceso, elaborouse un informe, que será presentado cando se celebre a Auditoría Externa.
Podes ver o resultado resumido nesta gráfica:

Isto quere dicir que temos abertas catro non conformidades; para cada unha delas buscaremos unha solución, e redactaremos un pequeno informe do que pensamos facer. Así de simple. Son moi sinxelas:
- Debemos expoñer o "Plan Estratéxico" no taboleiro de anuncios da calidade. Coas présas, a principios de curso, esquecéusenos, e só colgamos o "Plan Anual".
- Aínda que o botiquín (caixa de emerxencias) foi renovado en setembro, esquecéusenos actualizar a folla de mantemento, e figura a de decembro do 2009. Substituirémola.
- Será preciso divulgar o Plan de Acción Titorial, que xa está elaborado, para poder aplicalo realmente. Sabemos todos que o de Orientación é un traballo especialmente complexo e que no noso centro presenta unhas dificultades agravadas polo alto número de casos que atender e a sobreocupación que ten a responsable. Convén que apareza esta non conformidade porque é un fiel reflexo das áreas nas que o noso centro merece especial atención.
Aquí tedes en imaxes un resumo da xornada:

30/1/11

O Día da Auditoría


Así, con maiúsculas, porque todos pensamos que o Día da Auditoría debería ser festivo, non? Non é festivo, pero podemos tomalo con alegría, por que non? Xa sabemos que estaremos algo liados, e que a algúns nos tocará madrugar máis ou marchar máis tarde; unha vez asumido, tomémolo con filosofía. A auditoría interna servirá para que melloremos o noso traballo, para que cada día esteamos máis seguros dos que imos facendo, e que isto sexa recoñecido como un valor de auténtica calidade. A estas alturas xa estamos seguros de que "isto da calidade" non supón mellores instalacións ou máis cartos no centro, pero si maior coordinación e mellor comunicación.
O día 1 de febreiro Ana Montáns e Rosa Barreiro virán desde Ponteceso para axudarnos e compartir con nós a súa longa experiencia. A súa colaboración sempre proporciona simplicidade ao noso sistema, e son unhas excelentes aliadas para mellorar o noso labor. Tamén nos acompañarán José Manuel Carbia Pichel e Juan José Cano Fernández, que traballan como asesores na Consellería pero que tamén son mestres, con moita experiencia neste tipo de traballo. Colaboramos con eles no Grupo de Traballo do que formamos parte en Santiago.

Que pasa o día 1?
O primeiro que faremos será reunir a todo o grupo auditor para unha primeira toma de contacto. Despois, repartirémonos en grupos, para revisar toda a documentación e rexistros que levamos acumulado desde marzo do ano pasado (data da última auditoría). Un dos grupos estará adicado a revisar a documentación correspondente a dirección, outro grupo revisará a de secretaría, outro a de xefatura de estudos, e outro máis a de actividades de aula. Aquí é onde pedimos a v
osa colaboración. Se resultas seleccionada (escóllese ao chou), non tés máis que aportar o teu caderno do profesor, ou o teu diario de clase, ou onde sexa que recollas o que fas diariamente, e onde reflictes o seguimento do alumnado.

Que pasa se non dispoñemos do que nos pide?
Nada en absoluto. Moitos de vós estaredes preocupados por se vos falta este ou aquel papeliño, ou se non tedes todo ben apuntado, ou calquera outra cousa. Se algo falta, ou non aparece no momento da auditoría simplemente se anotará : "Non hai evidencia de que exista o rexistro....." sen nomes, sen cursos e sen referencia persoal algunha. Nunha auditoría non se buscan NUNCA culpables ou responsables, senón simplemente a causa de que algo non estea como estaba previsto.
O Equipo Auditor se reunirá co profesorado na hora do recreo, na que coincidiremos para tomar café (e galletas, se hai). Logo, seguiremos auditando ata as 14.30, hora na que faremos unha pausa para comer. Ás 15.30 volveremos reunirnos todos para "volcar" todos os datos recollidos nun informe final, que se publicará neste "Remuíño".

As Auditorías son unha excelente oportunidade para intercambiar información e aprender. Xa estamos habituados a colaborar, compartir e traballar en equipo. Este será un paso máis, que sabemos será unha experiencia moi positiva para todos.
Falaremos o mércores.
Feliz semana!

17/1/11

Simulacro de evacuación

O día 13 realizouse na escola o ensaio de simulacro de incendio. O obxectivo era comprobar se todo o alumnado e o persoal está preparado para un simulacro real. O tempo empregado no desaloxo (2 minutos e 32 segundos) demostra que o alumnado está sobradamente preparado. O persoal responsable de cada planta encargouse de desconectar o fluido eléctrico e revisar todas as dependencias, e o persoal de cociña comprobou que o gas estaba cortado. Deste modo, todos se reuniron no patio cumprindo coas consignas, o que mereceu a felicitación do xefe de bombeiros.
O persoal do Parque de Bombeiros de Cee trasladouse ao centro, e despois de comprobar que o desaloxo se realizaba segundo o estipulado, realizaron eles mesmos un simulacro de extinción de lume na cociña. Despois, contestaron ás preguntas que o alumnado lles fixo, para aclarar dúbidas sobre medidas de seguridade, e sobre todo sobre o propio traballo e equipamento dos bombeiros.
Para rematar, accederon co camión ao recinto da escola, e realizaron unha proba de rescate no segundo andar do edificio de ampliación, para saber se se podería efectuar un salvamento sen problemas.
Agradecemos ao Parque de Bombeiros de Cee a súa colaboración, moi valiosa para a seguridade do alumnado e o persoal da nosa escola.

9/1/11

Avaliación e autoavaliación da práctica docente


Debemos avaliar non só a marcha da nosa programación senón tamén a nosa práctica docente. Para iso temos dous modelos:
- Autoavaliación da práctica docente: cubrimos unha soa. Nesta ocasión so debemos facelo ao rematar o primeiro e o terceiro trimestre. Enviámola por correo electrónico.
- Avaliación da práctica docente: debe facela o noso alumnado a partir de 3º de primaria. Entregaremos unha copia a cada alumno. Se vos fixades, en cada folla hai espazo para avaliar a cinco mestres. Repárteas cada titor ou titora na súa aula, e unha vez recollidas, entréganse en Xefatura de Estudos ou Dirección.

Avaliación da programación


Na Orde de Avaliación do 23 de novembro de 2007 establécese:

Artigo 17º.-Avaliación dos procesos de ensino e da práctica docente.
As mestras e mestres avaliarán, nas sesións de avaliación do seu grupo, os procesos de ensino e a súa práctica docente en relación coa adecuación ao alumnado, co logro dos obxectivos da etapa e das áreas, e co desenvolvemento das competencias básicas. Esta avaliación incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A adecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación ás características e necesidades do alumnado.

b) As aprendizaxes acadadas polo alumnado.
c) As medidas de atención á diversidade aplicadas.
d) A programación e o seu desenvolvemento, a organización da aula, o aproveitamento dos recursos do centro e os procedementos de avaliación do alumnado.

e) A coordinación entre os mestres e mestras do ciclo e entre os diferentes ciclos e do profesorado do terceiro ciclo co de educación secundaria.

Para facilitar o traballo, proporcionamos un modelo no que podes analizar a túa programación. Lembra que debe ter un sentido práctico, e que non se trata de "cubrir papeis" por cubrir, senón de reflexionar acerca da idoneidade do que estás a facer coa túa programación, buscando melloras. Este documento cubrirémolo unha vez por trimestre. O mellor é que gardes a súa versión en word e que o cubras no ordenador, para facilitar o traballo. Débese facer esta avaliación en cada área e nivel que se imparte.
Por se queres ver algunha xa feita, a nosa directora adiantounos as súas. Aquí tés a avaliación da súa programación de galego de 4º para o 1º trimestre.

11/12/10

Despois da Xunta de Avaliación

Agora que xa imos completando as Avaliacións é importante que lembremos a coordinación entre os distintos mestres do centro. A información debe estar a disposición dos interesados. Neste caso, o recollido na Xunta de Avaliación debe ser comunicado á Xefa de Estudos. Entrégaselle a acta coas observacións feitas, para que poida redactar o balance educativo do trimestre. Non esquezamos que pode haber decisións e comentarios que non se inclúen na acta. Por isto, debemos rexistrar estas consideracións nunha folla aparte, ben en formato libre, ou ben no documento "Consideracións derivadas da Xunta de Avaliación". Deste modo, a Xefa de Estudos poderá dispoñer de todos os datos no caso de ter que informar ás familias, ou coordinar ao profesorado.

23/11/10

Que teño que facer na Xunta de Avaliación?

Se és especialista, a túa función será participar da reunión aportando todas as observacións que consideres necesarias, sen sairte do tema. A primeira será comunicar ao titor que coordina a reunión que porcentaxe de programación cumpriches. Por que se fai isto? Imaxínate que a programación non chegou a cumprir o previsto (p.ex., un 80%) en catro áreas; habería que analizar as causas: o grupo é conflitivo?, o grupo é "lento"?, programáronse demasiados contidos?, coincidiron demasiados días non lectivos nestas áreas?... Habería que analizar as causas e propoñer melloras.
É conveniente que leves contigo o caderno do profesorado, porque sempre se nos esquece algo se nos fiamos da memoria.

Se és titora ou titor, ti és a responsable de coordinar a sesión de Avaliación, e procurar que sexa áxil e que ninguén se saia do tema.
Empezaremos a cubrir a acta pola segunda páxina. Aquí comeza a lista do alumnado. Hai dúas columnas: a de "faltas" e a de "áreas suspensas" ("obxectivos non cumpridos" no caso de infantil). Na columna de "faltas" consignaremos o número total de sesións ás que faltou cada alumno (facilitarásevos na folla de rexistro de XADE). Considérase que, se supera un 15% das sesións totais pérdese o dereito á avaliación continua (aínda que as faltas estean xustificadas); neste caso, o alumno ou alumna debería ser avaliado cunha proba obxectiva, e esta circunstancia debe ser comunicada á familia.

Anotaremos na acta, seguindo as claves, a causa ou causas desas faltas, e as medidas a tomar. Tamén as anotaremos no noso caderno, para o seu seguimento.

Na columna "áreas suspensas" procederemos da mesma forma: anotamos o número de áreas suspensas, as que consideremos causas deses suspensos, e as medidas a tomar. En caso de que un alumno ou unha alumna suspenda tres áreas ou máis considerámolo "alumno non conforme". Non esquezas anotar as causas e as medidas a tomar tamén no teu caderno.

Unha vez repasemos toda a lista, xa podemos cubrir a primeira folla da acta. Verás que aquí trátase de facer unha especie de resume, que lle será moi útil á Xefa de Estudos para facer o seu "balance educativo", e tamén á Responsable de Calidade, para tirar conclusións da marcha da 1ª avaliación.

Xusto embaixo do encabezado debes anotar que áreas non cumpren a porcentaxe de programación impartida (o apartado no que pon NC non debes cubrilo).
Na columna que hai embaixo consígnase cantos alumnos están por enriba do límite de faltas (número de alumnos e porcentaxe sobre o total de alumnos da túa aula). Dispós dun espazo para anotar o que comentedes en caso de que sexa un número de alumnos elevado (sería un grupo non conforme, e habería que analizar as causas e tomar medidas como grupo).
Anotarás tamén que mestres están ausentes da sesión.
Á dereita, faise constar o total de alumnos que están por enriba do límite de suspensos (é dicir, cantos alumnos suspenderon tres áreas ou máis), e a porcentaxe sobre o total. Se supera o criterio de non conformidade, deberedes analizar as causas e acordar medidas como grupo. Neste caso é aconsellable tratar o tema na vindeira reunión de ciclo.
Xa só queda asinar a acta por parte de todos os mestes asistentes. Asegurádevos de que están cubertos todos os datos, para garantir que o proceso está correctamente desenvolvido.
E rematado o traballo, xa podemos darnos por satisfeitos! Ánimo... Xa queda menos para o Nadal!


Non esquezas consultar calquera dúbida que teñas, por pequena que che pareza. O equipo directivo sempre estará disposto a axudarche. Unha vez collida a rutina da avaliación, todo resulta moi sinxelo e útil.