
Se és especialista, a túa función será participar da reunión aportando todas as observacións que consideres necesarias, sen sairte do tema. A primeira será comunicar ao titor que coordina a reunión que porcentaxe de programación cumpriches. Por que se fai isto? Imaxínate que a programación non chegou a cumprir o previsto (p.ex., un 80%) en catro áreas; habería que analizar as causas: o grupo é conflitivo?, o grupo é "lento"?, programáronse demasiados contidos?, coincidiron demasiados días non lectivos nestas áreas?... Habería que analizar as causas e propoñer melloras.
É conveniente que leves contigo o caderno do profesorado, porque sempre se nos esquece algo se nos fiamos da memoria.
Se és titora ou titor, ti és a responsable de coordinar a sesión de Avaliación, e procurar que sexa áxil e que ninguén se saia do tema.
Empezaremos a cubrir a acta pola segunda páxina. Aquí comeza a lista do alumnado. Hai dúas columnas: a de "faltas" e a de "áreas suspensas" ("obxectivos non cumpridos" no caso de infantil). Na columna de "faltas" consignaremos o número total de sesións ás que faltou cada alumno (facilitarásevos na folla de rexistro de XADE). Considérase que, se supera un 15% das sesións totais pérdese o dereito á avaliación continua (aínda que as faltas estean xustificadas); neste caso, o alumno ou alumna debería ser avaliado cunha proba obxectiva, e esta circunstancia debe ser comunicada á familia.

Anotaremos na acta, seguindo as claves, a causa ou causas desas faltas, e as medidas a tomar. Tamén as anotaremos no noso caderno, para o seu seguimento.
Na columna "áreas suspensas" procederemos da mesma forma: anotamos o número de áreas suspensas, as que consideremos causas deses suspensos, e as medidas a tomar. En caso de que un alumno ou unha alumna suspenda tres áreas ou máis considerámolo
"alumno non conforme".
Non esquezas anotar as causas e as medidas a tomar tamén no teu caderno. Unha vez repasemos toda a lista, xa podemos cubrir a primeira folla da acta. Verás que aquí trátase de facer unha especie de resume, que lle será moi útil á Xefa de Estudos para facer o seu "balance educativo", e tamén á Responsable de Calidade, para tirar conclusións da marcha da 1ª avaliación.

Xusto embaixo do encabezado debes anotar que áreas non cumpren a porcentaxe de programación impartida
(o apartado no que pon NC non debes cubrilo).Na columna que hai embaixo consígnase cantos alumnos están por enriba do límite de faltas (número de alumnos e porcentaxe sobre o total de alumnos da túa aula). Dispós dun espazo para anotar o que comentedes en caso de que sexa un número de alumnos elevado (sería un grupo non conforme, e habería que analizar as causas e tomar medidas como grupo).
Anotarás tamén que mestres están ausentes da sesión.
Á dereita, faise constar o total de alumnos que están por enriba do límite de suspensos (é dicir, cantos alumnos suspenderon tres áreas ou máis), e a porcentaxe sobre o total. Se supera o criterio de non conformidade, deberedes analizar as causas e acordar medidas como grupo. Neste caso é aconsellable tratar o tema na vindeira reunión de ciclo.
Xa só queda asinar a acta por parte de todos os mestes asistentes. Asegurádevos de que están cubertos todos os datos, para garantir que o proceso está correctamente desenvolvido.
E rematado o traballo, xa podemos darnos por satisfeitos! Ánimo... Xa queda menos para o Nadal!

Non esquezas consultar calquera dúbida que teñas, por pequena que che pareza. O equipo directivo sempre estará disposto a axudarche. Unha vez collida a rutina da avaliación, todo resulta moi sinxelo e útil.