Mostrando entradas con la etiqueta avaliación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta avaliación. Mostrar todas las entradas

7/3/13

2ª avaliación en marcha

Entre os días 11 e 19 de marzo serán as xuntanzas da 2ª avaliación. Non hai que esquecer preparar as sesións engadindo os datos 48 horas antes das mesmas no XADE. Pódese consultar o calendario facendo clic  aquí
Outra documentación precisa:


8/12/12

Primeira avaliación.

Xa está aí a 1ª avaliación que, como naquel anuncio do turrón, chega polo Nadal. Os documentos precisos para xestionala serán enviados por correo a cada responsable, pero nestes enlaces podedes descargalos.


Non dubidedes en pedir axuda e información, se tedes calquera dúbida.

30/9/12

Resultados da avaliación das reunións

Xa non o lembraredes, pero a primeira semana de setembro tivemos un intenso calendario de reunións para informarnos acerca do funcionamento da escola. Pasamos un cuestionario de avaliación via Google Drive, e aínda que non todos respondistes, pensamos que xa podemos dar por pechado o período de respostas.
Agradecemos as vosas suxestións, que serán tidas en conta, dentro das nosas posibilidades, en vindeiras reunións. Debedes saber que estas reunións figuran como sesións de formación interna dentro do noso "Plan de Formación", que será publicado en poucos días. Se queredes saber o resultado da enquisa sobre a sesión de "Biblioteca e Sistema de Mellora" premede aquí. E se queredes coñecer o resultado da sesión sobre "Programación e caderno do profesorado" premede aquí.

8/9/12

Calendario de avaliacións


Estamos xa metidos en fariña: mirade atrás e volvede ao luns, cando chegastes ao centro. A que non pensabades que ía estar xa todo isto feito? Xa sabemos cando imos avaliar, e vemos tan cerquiña as sesións de xuño de 2013... Pinchando aquí teredes acceso ao calendario, que quedará "colgado" de forma permanente á dereita. Grazas pola vosa entrega, e por levar tan ben unha semana ateigada de reunións e novidades.

15/3/12

Acta de avaliación

Desde esta semana e ata finais de marzo estamos a desenvolver as sesións de avaliación. Como transcurren tres meses entre unha e outra esquecemos as "rutinas" desta actividade, e aproveitamos esta entrada para "refrescar" a memoria.
Dispoñemos de varios documentos que son necesarios para a Xunta de avaliación. En primeiro lugar, as anotacións rexistradas no "caderno do profesor" sexa cal sexa ou seu formato. Con estes tdatos teremos xa "subidas" a XADE as cualificacións do grupo avaliado. Todos os mestres participantes na sesión dispoñerán do listado de "cualificacións", para contrastar impresións con elas. Podemos modificar as cualificacións despois da sesión se o acordamos así.

O titor ou titora dispoñerá dun rexistro das faltas, para comprobar que ningún dos seus alumnos supera o límite permitido para ter dereito á avaliación continua.
Cos datos das faltas cubriremos a columna da esquerda, e en caso necesario, reflectiremos as medidas adoptar. Cos datos das cualificacións cubriremos a columna da dereita, tendo en conta que se algún alumno supera dúas áreas suspensas, considerámolo "alumno non conforme". Neste caso, acordaremos medidas a tomar, que quedarán tamén rexistradas nos cadernos do profesorado participante. Deste modo, garantimos a coordinación necesaria na sesión de avaliación.
O resumo de alumnado non conforme recóllese na portada da acta (en cifras absolutas e porcentaxe), para facilitar o balance académico que redacta a Xefa de Estudos.
Para rematar de cubrir correctamente a acta, os titores e titoras reflectirán o número de áreas non conformes según a programación impartida (na primeira páxina da acta). Aquí debe asinar tamén o profesorado participante na sesión.


Lembrade que o modelo de acta e o rexistro de faltas están recollidos nas carpetas colgantes de cada titoría. Os rexistros de cualificacións repartiranse nos casilleiros antes da sesión de avaliación.

Unha vez rematada a sesión e coas cualificacións definitivas cumprimentadas, xa podemos imprimir os boletíns. Tedes as portadas na carpeta colgante do voso grupo.

Boa xornada.

9/1/11

Avaliación e autoavaliación da práctica docente


Debemos avaliar non só a marcha da nosa programación senón tamén a nosa práctica docente. Para iso temos dous modelos:
- Autoavaliación da práctica docente: cubrimos unha soa. Nesta ocasión so debemos facelo ao rematar o primeiro e o terceiro trimestre. Enviámola por correo electrónico.
- Avaliación da práctica docente: debe facela o noso alumnado a partir de 3º de primaria. Entregaremos unha copia a cada alumno. Se vos fixades, en cada folla hai espazo para avaliar a cinco mestres. Repárteas cada titor ou titora na súa aula, e unha vez recollidas, entréganse en Xefatura de Estudos ou Dirección.

Avaliación da programación


Na Orde de Avaliación do 23 de novembro de 2007 establécese:

Artigo 17º.-Avaliación dos procesos de ensino e da práctica docente.
As mestras e mestres avaliarán, nas sesións de avaliación do seu grupo, os procesos de ensino e a súa práctica docente en relación coa adecuación ao alumnado, co logro dos obxectivos da etapa e das áreas, e co desenvolvemento das competencias básicas. Esta avaliación incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A adecuación dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación ás características e necesidades do alumnado.

b) As aprendizaxes acadadas polo alumnado.
c) As medidas de atención á diversidade aplicadas.
d) A programación e o seu desenvolvemento, a organización da aula, o aproveitamento dos recursos do centro e os procedementos de avaliación do alumnado.

e) A coordinación entre os mestres e mestras do ciclo e entre os diferentes ciclos e do profesorado do terceiro ciclo co de educación secundaria.

Para facilitar o traballo, proporcionamos un modelo no que podes analizar a túa programación. Lembra que debe ter un sentido práctico, e que non se trata de "cubrir papeis" por cubrir, senón de reflexionar acerca da idoneidade do que estás a facer coa túa programación, buscando melloras. Este documento cubrirémolo unha vez por trimestre. O mellor é que gardes a súa versión en word e que o cubras no ordenador, para facilitar o traballo. Débese facer esta avaliación en cada área e nivel que se imparte.
Por se queres ver algunha xa feita, a nosa directora adiantounos as súas. Aquí tés a avaliación da súa programación de galego de 4º para o 1º trimestre.

11/12/10

Despois da Xunta de Avaliación

Agora que xa imos completando as Avaliacións é importante que lembremos a coordinación entre os distintos mestres do centro. A información debe estar a disposición dos interesados. Neste caso, o recollido na Xunta de Avaliación debe ser comunicado á Xefa de Estudos. Entrégaselle a acta coas observacións feitas, para que poida redactar o balance educativo do trimestre. Non esquezamos que pode haber decisións e comentarios que non se inclúen na acta. Por isto, debemos rexistrar estas consideracións nunha folla aparte, ben en formato libre, ou ben no documento "Consideracións derivadas da Xunta de Avaliación". Deste modo, a Xefa de Estudos poderá dispoñer de todos os datos no caso de ter que informar ás familias, ou coordinar ao profesorado.

23/11/10

Que teño que facer na Xunta de Avaliación?

Se és especialista, a túa función será participar da reunión aportando todas as observacións que consideres necesarias, sen sairte do tema. A primeira será comunicar ao titor que coordina a reunión que porcentaxe de programación cumpriches. Por que se fai isto? Imaxínate que a programación non chegou a cumprir o previsto (p.ex., un 80%) en catro áreas; habería que analizar as causas: o grupo é conflitivo?, o grupo é "lento"?, programáronse demasiados contidos?, coincidiron demasiados días non lectivos nestas áreas?... Habería que analizar as causas e propoñer melloras.
É conveniente que leves contigo o caderno do profesorado, porque sempre se nos esquece algo se nos fiamos da memoria.

Se és titora ou titor, ti és a responsable de coordinar a sesión de Avaliación, e procurar que sexa áxil e que ninguén se saia do tema.
Empezaremos a cubrir a acta pola segunda páxina. Aquí comeza a lista do alumnado. Hai dúas columnas: a de "faltas" e a de "áreas suspensas" ("obxectivos non cumpridos" no caso de infantil). Na columna de "faltas" consignaremos o número total de sesións ás que faltou cada alumno (facilitarásevos na folla de rexistro de XADE). Considérase que, se supera un 15% das sesións totais pérdese o dereito á avaliación continua (aínda que as faltas estean xustificadas); neste caso, o alumno ou alumna debería ser avaliado cunha proba obxectiva, e esta circunstancia debe ser comunicada á familia.

Anotaremos na acta, seguindo as claves, a causa ou causas desas faltas, e as medidas a tomar. Tamén as anotaremos no noso caderno, para o seu seguimento.

Na columna "áreas suspensas" procederemos da mesma forma: anotamos o número de áreas suspensas, as que consideremos causas deses suspensos, e as medidas a tomar. En caso de que un alumno ou unha alumna suspenda tres áreas ou máis considerámolo "alumno non conforme". Non esquezas anotar as causas e as medidas a tomar tamén no teu caderno.

Unha vez repasemos toda a lista, xa podemos cubrir a primeira folla da acta. Verás que aquí trátase de facer unha especie de resume, que lle será moi útil á Xefa de Estudos para facer o seu "balance educativo", e tamén á Responsable de Calidade, para tirar conclusións da marcha da 1ª avaliación.

Xusto embaixo do encabezado debes anotar que áreas non cumpren a porcentaxe de programación impartida (o apartado no que pon NC non debes cubrilo).
Na columna que hai embaixo consígnase cantos alumnos están por enriba do límite de faltas (número de alumnos e porcentaxe sobre o total de alumnos da túa aula). Dispós dun espazo para anotar o que comentedes en caso de que sexa un número de alumnos elevado (sería un grupo non conforme, e habería que analizar as causas e tomar medidas como grupo).
Anotarás tamén que mestres están ausentes da sesión.
Á dereita, faise constar o total de alumnos que están por enriba do límite de suspensos (é dicir, cantos alumnos suspenderon tres áreas ou máis), e a porcentaxe sobre o total. Se supera o criterio de non conformidade, deberedes analizar as causas e acordar medidas como grupo. Neste caso é aconsellable tratar o tema na vindeira reunión de ciclo.
Xa só queda asinar a acta por parte de todos os mestes asistentes. Asegurádevos de que están cubertos todos os datos, para garantir que o proceso está correctamente desenvolvido.
E rematado o traballo, xa podemos darnos por satisfeitos! Ánimo... Xa queda menos para o Nadal!


Non esquezas consultar calquera dúbida que teñas, por pequena que che pareza. O equipo directivo sempre estará disposto a axudarche. Unha vez collida a rutina da avaliación, todo resulta moi sinxelo e útil.

Documentos para a avaliación


Antes de comezar a sesión de avaliación, e ademáis de ter presente a acta de XADE coas cualificacións imprimidas, cada titora e titor deberá ter estes documentos:

O noso modelo de "Acta de Avaliación":
É diferente do modelo XADE, porque aquí, ademais de sinalar o número de áreas suspensas e o número de faltas de cada alumno, se acordarán as medidas a tomar en caso de que superen o límite (15% de faltas sobre as sesións totais, ou ter máis de dúas áreas suspensas). Debe ir asinada por todos os asistentes.
A folla de "Claves de apoio":
Servirá para que saibamos o significado das letras e os números que aparecen nas follas da acta da avaliación.
Tamén é importante que estes datos estean rexistrados no noso caderno, o do profesorado ou o da titoría, para facer un seguimento das medidas acordadas.

Por último, debemos ter os "Criterios de non conformidade no control dos cursos", que precisaremos no caso de que o noso grupo non sexa conforme.


En caso de que che falte algún, podes visualizalo, e mesmo imprimilo, premendo no hipervínculo.

PRIMEIRA AVALIACIÓN


Chegou o momento de avaliar. Agora é cando temos que facer unha revisión de todas as anotacións tomadas durante o trimestre, e calcular a cualificación que lle outorgaremos a cada alumno. No caso de infantil, haberá que reflectir a superación ou non dos items escollidos e decidir logo se se acadaron obxectivos. Moito traballo.
Antes de poñernos mans á obra deberemos ter presente o calendario de avaliacións. Hai dúas datas reflectidas: a de entrega de borradores e a da xunta de avaliación.
É preciso ter marcadas as notas en XADE dous días antes da avaliación para que a secretaria poida imprimir os borradores (as actas XADE), e que estean a disposición das titoras e titor correspondente. Non esquezas consultar o calendario e as datas que che corresponden.

23/9/10

Avaliación Inicial


Lamentablemente este inicio de curso vai ralentizado por circunstancias alleas ao noso traballo. Sen embargo, como mestres, estamos no período de ir facendo unha valoración das capacidades do noso alumnado. Para os titores, este labor é especialmente importante, sobre todo se é a primeira toma de contacto co alumnado. Na aplicación XADE contamos coa posibilidade de introducir datos para realizar esta avaliación inicial.
Se eres titor, e tomas contacto por primeira vez co teu grupo, preme aquí para seguir as instruccións. Recóllense datos sobre o desenvolvemento das competencias básicas, informes previos, medio sociofamiliar, e outras observacións que estimes oportunas. Será moi útil que utilices a información das carpetas colgantes do arquivo de secretaría (lembrando sempre que teñen carácter CONFIDENCIAL).
Non esquezas que estes datos aparecerán automáticamente reflectidos no informe final que se obtén a finais de curso.

23/2/10

Segunda avaliación

Achégase o final do segundo trimestre. Parece mentira, pero xa temos que ir recopilando todos os rexistros para ir subindo as cualificacións á aplicación XADE. Os primeiros, como sempre, serán os de Infantil. O día 2 de marzo será a data tope para imprimir os borradores, xa que a súa sesión de avaliación se celebrará o día 4 de marzo. Non esquezas consultar o calendario, para que toda a documentación estea lista no momento de celebrar a reunión. Nas entradas correspondentes á primeira avaliación do Remuíño tés a relación de documentos que precisas. Os titores xa teñen os impresos das actas nos seus ficheiros.

16/12/09

Valoración do curso "Aprendemos a servir no comedor"

A maior parte do profesorado e o alumnado do centro son usuarios de comedor. Co fin de mellorar o servizo deseñouse un plan para que o alumnado de 5º e 6º, que actúan como "camareros" aprendesen a servir e atender as mesas como auténticos profesionais. Por isto, durante un mes, recibiron a formación axeitada por parte de Sandra, a cociñeira. Os resultados son, cremos, visibles. O alumnado axuda aos seus compañeiros menores mentres comen, a comida é servida con maior eficacia, a distribución das mesas facilita o traballo....

Vese que o curso impartido foi, realmente, eficaz. Pero, cal foi a valoración que fixeron do curso os asistentes? E a cociñeira, como "mestra" ? Podemos comprobalo por medio destas gráficas, obtidas do cuestionario que o alumnado participante tivo que responder.

Nesta gráfica observamos que todos os aspectos do curso son cualificados coa máxima puntuación (4) polos participantes no curso, agás o "horario" adicado ao curso, que obtén unha media de 3. Menos de cinco alumnos outorgan unha cualificación de 1.


Esta outra de "porcións de queixiño" parécenos moi axeitada para reflectir a valoración da formadora (cunhas puntuacións entre 1 e 10). Sandra valora cun 7 ao 34% dos aprendices. Só un 2% está valorado por embaixo do 5. Dez dos corenta e sete alumnos valorados obteñen un 9, e sete obteñen un 8. Só un alumno obtén unha cualificación de 10, e queremos reflectir aquí o anotado pola reponsable sobre este alumno, porque nos parece de especial valor:

"Moi ben con diferencia. Intenta poñer en práctica (e consígueo) todo o que lle explicaron. E sale del o dtalle na mesa: procura que cubiertos, mesas e sillas estean en cada momento alineados e perfectamente limpos; incluso está sempre moi pendente do comensal. Se tivera cinco ou seis anos máis atreveríame a dicir que naceu para a hostelería profesional".

É todo un informe de referencias positivas para conseguir un traballo. Esperemos que ninguén deixe que perda as súas oportunidades na vida.
Se queres acceder ao informe do curso, coas observacións do alumnado (ben curiosas, algunhas delas), preme aquí.

10/12/09

Dúbidas sobre as actas de avaliación


Sempre que utilizamos un modelo por primeira vez temos dúbidas sobre como enchelo. Agardamos que con estas aclaracións poidades entregar as actas de avaliación NI-QUE-LA-DAS. Podedes consultar as veces que precisedes. Non esquezades nunca o enderezo do blog. Os documentos siguen aquí.
Como vedes, na columna da esquerda da primeira páxina pide que escribades o número de alumnos que están por enriba do límite de faltas de asistencia. En primaria, a porcentaxe de faltas de asistencia sobre o número total de sesións é do 15%. Se tedes algún alumno nese caso, debedes contabilizalo na cuadrícula "Nº". Canto supón ese número de alumnos (non conformes en asistencia), con respecto ao total? Debedes consignalo na cuadrícula "%". Agora poderemos saber se o noso curso é conforme ou non con respecto ás faltas. Onde está iso recollido? No documento escondido aquí. Por exemplo, se eu son a titora de 3º, e o 30% do meu alumnado supera o límite de faltas, o meu grupo será non conforme. Deberemos analizar a situación, e tomar medidas. Afortunadamente, é moi raro que isto suceda.



Imos agora coa columna da dereita. Aquí consignamos o número de alumnos que suspenden máis de dúas áreas. Calculamos a porcentaxe sobre o número total de alumnos do noso grupo, e o anotamos na cuadrícula "%". Se esa porcentaxe supera o límite que temos fixado no documento que vimos anteriormente, a Xefa de Estudos consignará a non conformidade do grupo. Neste caso, na seguinte reunión de ciclo, debedes acordar medidas a tomar co grupo, xa que un elevado número de suspensos nunha aula debe dar lugar a accións claras e concretas a tomar entre todo o profesorado.


Fixémonos agora no recadro superior. Aquí debemos consignar as áreas que non completaron a programación que tiñan prevista. Un grupo será non conforme se máis de dúas áreas non cumpriron o previsto. Será preciso averiguar as causas e acordar algún tipo de medida para mellorar a situación.


Lembrade que, en todo caso, será necesario que a Xefa de Estudos saiba se o voso grupo é conforme ou non con respecto á programación impartida, á porcentaxe de alumnos que superan o límite de faltas, e á porcentaxe que superan o límite de suspensos. Desta forma, poderemos facer un balance educativo útil que nos sirva para superar as dificultades deste trimestre, propoñer melloras, ou buscar a solución a determinados problemas.

1/12/09

E despois, que facemos?


Agora xa temos toda a documentación cumprimentada. Se algún grupo supera o límite de non conformidades, na próxima reunión de ciclo acordaremos as medidas a tomar. A acta debe estar firmada por todos os asistentes, e os titores a entregarán á Xefa de Estudos para que faga o balance trimestral.
Só nos queda un traballo: imprimir os boletíns. Debemos revisar antes a lista de cualificacións de XADE por se hai que facer algunha modificación. Para imprimir os boletíns, lembrade as instruccións do modelo NM75010502).

E as titoras, que facemos?


As titoras presidides e moderades a Xunta de Avaliación. Debedes recopilar toda a inforamción facilitada polos especialistas, e reflectila na acta que atoparedes na carpeta colgante do voso grupo, no armario dos expedientes. Todos debedes ter presentes as cualificacións do grupo, e por suposto vós, como titores, tamén debes introducilas no XADE.
Durante a sesión, tomades nota das accións a adoptar cos alumnos que considerades "non conformes" (os que teñen máis de dúas áreas suspensas en primaria, ou os que non cumpren os obxectivos mínimos en infantil).
Lembrade que o noso grupo será non conforme:
- se máis do 30% do alumnado suspende máis de dúas áreas e sodes titoras do 1º ou do 2º ciclo.
- Se maís do 35% do alumnado suspende máis de dúas áreas e sodes titoras do 3º ciclo.

Eu son especialista. Que teño que facer na Xunta de Avaliación?


Antes da sesión de avaliación tedes que introducir as cualificacións na aplicación XADE. Deste xeito, todos podemos dispoñer das cualificacións do grupo ao chegar á reunión, e "aforramos" tempo. So debemos acordar as accións que imos tomar en caso de que algún alumno non supere os obxectivos marcados nos nosos criterios de avaliación. Os profesores interesados debemos tomar nota desas accións no noso caderno (lembrade as claves do NM75010501) para facer un seguimento das mesmas, e avaliar o seu resultado no seguinte trimestre. Se hai algunha particularidade que engadir e non estea reflectida nas claves da acta, anotarémola no MD75010503 (Consideracións derivadas da Xunta de Avaliación).

27/11/09

Documentos da avaliación


Cando chegamos á sesión de avaliación, tanto a titora como os especialistas xa dispoñerán do borrador coas calificacións do grupo. Durante a sesión debemos comentar estas cualificacións, por se é preciso modificar algunha, pero centrarémonos nos casos máis preocupantes, cos que debemos tomar algunha acción. Tanto as causas das non conformidades como as medidas a tomar están consignadas no documento NM75010501, que contén as claves de apoio para a Xunta de Avaliación.

Antes da avaliación


Recopila toda a información posible. Se durante o trimestre estiveches utilizando o teu caderno, agora será moito máis doado. Non tes máis que calcular a nota final despois de analizar os teus rexistros. Se non o usaches, debes ter presente os criterios de avaliación que comunicaches á Xefatura de Estudos, para calcular a nota da avaliación partindo das anotacións que tomaras durante o trimestre en calquera formato. Cando teñas decidida a nota, debes rexistrala en XADE, tanto se eres especialista como se eres titor. Desta forma, a secretaria poderá imprimir o borrador da acta antes de que celebredes a sesión de avaliación, e todos poderedes dispoñer das cualificacións que introduciron os demais. Se tés dúbidas sobre como introducir as notas en XADE, utiliza este modelo.