30/9/12

Resultados da avaliación das reunións

Xa non o lembraredes, pero a primeira semana de setembro tivemos un intenso calendario de reunións para informarnos acerca do funcionamento da escola. Pasamos un cuestionario de avaliación via Google Drive, e aínda que non todos respondistes, pensamos que xa podemos dar por pechado o período de respostas.
Agradecemos as vosas suxestións, que serán tidas en conta, dentro das nosas posibilidades, en vindeiras reunións. Debedes saber que estas reunións figuran como sesións de formación interna dentro do noso "Plan de Formación", que será publicado en poucos días. Se queredes saber o resultado da enquisa sobre a sesión de "Biblioteca e Sistema de Mellora" premede aquí. E se queredes coñecer o resultado da sesión sobre "Programación e caderno do profesorado" premede aquí.

8/9/12

Calendario de avaliacións


Estamos xa metidos en fariña: mirade atrás e volvede ao luns, cando chegastes ao centro. A que non pensabades que ía estar xa todo isto feito? Xa sabemos cando imos avaliar, e vemos tan cerquiña as sesións de xuño de 2013... Pinchando aquí teredes acceso ao calendario, que quedará "colgado" de forma permanente á dereita. Grazas pola vosa entrega, e por levar tan ben unha semana ateigada de reunións e novidades.

4/9/12

A primeira

Esta é a primeira entrada do curso que vimos de estrear.Sirva para dar a benvida a todos e todas vós. Coma sempre, primeiro hai que decidir por onde imos camiñar, así que publicamos o calendario escolar para que non teñamos dúbidas dos días de traballo e de descanso que nos quedan ata o 30 de xuño.
Por se non o ves ben, ou queres aclarar dúbidas, podes pinchar aquí, e mesmo baixar o documento.

7/6/12

Adiamos a Xunta de Avaliación

Despois de ver as caras desta mañá e de darnos conta mirándonos que non somos os únicos agobiados, a solución S.C. (sentido común) é: precisamos unha semana máis. Pois ben, postos todos dacordo, por que non? Mantemos o horario, pero trasladando as Xuntas de Avaliación do luns 11 e martes 12 para o 18 e 19. Só hai que contar con que os titores van ter que imprimir os boletíns a toda présa!

Lembrade que o importante é a saúde, e xa temos bastantes atrancos como para poñernos un máis.

Abalamos?

Pois si, xa está publicada a lista na que aparecen seleccionados os centros que entran a formar parte do proxecto ABALAR. Mira por onde, viñémonos enterando pola prensa, polo facebook, polo boca-orella, pero non pola Consellería. Pero cando a nova é boa, hai que recibila ben, así que ... abalemos!
Non imos desaproveitar a ocasión de agradecer a todo o profesorado a súa colaboración no proxecto. Coa vosa enerxía e o voso traballo conseguiuse esta que esperemos sexa unha grande mellora para o cole e o noso alumnado.
Por certo, habería que ir facendo un fondo para mercar unha coiraza protectora para a titora de 5º, que será a que desenvolva o proxecto na aula... Parabéns, Isa!

6/6/12

Terceira avaliación e final

Achégase o fin de curso e, naturalmente, as decisións finais. Píllannos sempre "de improviso" as avaliacións, e máis se temos en conta que esta é a final. Por se tés dúbidas, consulta o calendario da vindeira semana:
Non esquezas levar contigo a documentación necesaria (seguimento do alumnado, claves para cubrir as actas). Tede en conta que os niveis que rematan ciclo deben celebrar tamén avaliación final, e valorar a promoción do alumnado. Se é preciso consignar calquera observación, podedes facelo nun folio que se anexará á acta de avaliación, recollendo as aportacións de todos os participantes na Xunta de Avaliación. Xa queda menos. 

24/5/12

Satisfacción

O mes de maio é o mes das flores, e tamén o das enquisas. Florecen resultados que son o espello onde mirarnos, para ter outra visión allea á nosa, "persoal e intransferible" de como é a vida no centro.
As gráficas anteriores amósannos que o alumnado de 4º e 6º está,  moi satisfeito coa escola (se exceptuamos a observación de 6º coa desaparición das actividades complementarias e extraescolares (pregunta 3). Podemos felicitarnos dos resultados coa pregunta 2 (o labor do teu titor) e 4 (a relación cos teus compañeiros). Tamén son moi valorados o servizo de transporte e o de biblioteca.

Se observamos as respostas das familias (fíxose un "muestreo" entre as que rematan ciclo), vemos que todas as familias, de poder escoller, volverían matricular os seus fillos e fillas no C.E.I.P. "Os Muíños" (pregunta 1). Superan o 80% de satisfacción a "formación" que se recibe (pregunta 2) a relación co titor ou titora (pregunta 5) e o servizo de biblioteca (pregunta 13). Os niveis mais baixos de aceptación corresponden ás instalacións do centro (pregunta 7), resultado plenamente xustificado polos sucesivos retrasos no remate das obras.
Observando as gráficas que se corresponden co persoal (docente e non docente), repítese a baixa cualificación de equipamento e recursos (entre o persoal docente). Superan o 80% de satisfacción o labor do equipo directivo (pregunta 3) e a relación co alumnado (pregunta 7). Entre o profesorado, o sistema de mellora que desenvolve o centro cumpre co criterio de calidade, pero na súa cota máis baixa, o que obrigará á esta "responsable" a poñer en evidencia as vantaxes que para o noso traballo supón este labor "extra" que desenvolve o profesorado. Con todo, máis do 80% do persoal repetiría gustoso no centro. Máis satisfeito aínda está o persoal non docente, que supera en case todos os casos o 80%. Só a insatisfacción con respecto ao resultado do seu traballo obtén unha cualificación non satisfactoria. Haberá que investigar, xa que o grao de felicidade no lugar no que pasamos a maior parte do tempo é decisivo na nosa saúde. Debemos buscar a satisfacción maior na nosa vida e, polo tanto, no noso traballo. Veremos que pasa o curso que ven.
NOTA: Se queres ver a gráfica completa, preme sobre cada unha delas.