29/2/12

Auditoría Externa

Durante o día de hoxe desenvolvemos a xornada de Auditoría Externa. Puntualmente, coma sempre, presentouse no centro a nosa auditora, Noelia Cea Guitián, e pouco despois o inspector, Félix Perujo de Llano. Durante a mañán auditáronse as actividades de aula, as funcións de secretaría (compras, infraestruturas,...) e o sistema de mellora (obxectivos da dirección, revisión do sistema, ...). Fixemos unha breve pausa no momento do recreo para compartir impresións e café, e reanudamos o traballo ata ás dúas e media. Xa sen a presenza do inspector e logo do xantar, e despois de esbozado o informe final, revisamos as obras acompañados do responsable da empresa AEDES e do responsable da Unidade Técnica. Isto permitiunos revisar cuestións que quedaban pendentes da auditoría anterior (instalación de portas antipánico, luces de emerxencia, situación da cociña, ...).
Completado o informe, Noelia deunos a coñecer o seu resultado, que presenta dúas non conformidades asociadas á planificación (debemos facer un rexistro máis exhaustivo no seguimento de algúns obxectivos), e ás accións correctivas. Dado que son calificadas como "menores" e non teñen trascendencia, non será preciso enviar -como si se fixo en cursos anteriores- un Plan de Accións Correctivas.
Naturalmente, todo isto non sería posible se non fose polo traballo en grupo. Sen o voso esforzo, os resultados non serían os mesmos. A auditora sinalou como puntos fortes do noso centro:
- o proxecto de "Normalización Lingüística",
- as melloras realizadas na biblioteca,
- os cuestionarios enviados utilizando google docs,
- as guías para o profesorado e para as familias.
Todos estes logros son melloras conseguidas entre todos, e por iso, unha vez máis, queremos agradecer a cantidade e calidade do voso traballo, a vosa boa disposición e os sacrificios que, nunhas circunstancias como as actuais, estades facendo.
Pero, sen dúbida, o que nos fai sentir máis satisfeitos é a implicación que se reflicte no informe por parte de todo o cadro de persoal, que, tal e como se destaca na relación de "puntos fortes" que se manteñen, emprega horas libres para apoios, usa TIC´s na aula (a pesares das dificultades), usa a axenda do alumnado, rexistra as súas observacións nos cadernos, as chamadas ás familias, mantén as "mochilas viaxeiras", facendo do noso un centro que busca a mellora continua na súa tarefa diaria. Pode pedirse máis?

15/2/12

Aprendemos a xestionar a conta de google

Estamos avanzando no Plan de Formación! Tiñamos pensado aprender a traballar con googledocs, pero o tema estase mellorando. Agora sabemos xestionar a nosa conta de google e atopar moitas máis aplicacións que poden sernos moi útiles na clase.
Hai que dicir tamén que isto vai porque temos un bo profe, aínda que todas somos alumnas aplicadas.

14/2/12

Plan Anual

Aínda que imos con retraso, o prometido é débeda.
Despois de expoñer o Plan Estratéxico, tedes aquí o Plan Anual. Son seis obxectivos claros,concretos e medibles. Moitos entran na competencia case exclusiva do equipo directivo, pero outros implican a participación de grupos de mestres. Por exemplo, para conseguir o obxectivo 1 precisamos o apoio do equipo e do seminario de biblioteca, e para conseguir o obxectivo 3, o persoal integrado no Departamento de Orientación.
Faremos un seguimento de cada obxectivo, para poder verificar a súa consecución a finais deste curso. O traballo de todos nós quedará reflectido nestes documentos. Podedes ver aquí o plan para seguir o obxectivo 1.

9/2/12

Hai que mirar pola saúde

No número de xaneiro da revista Aula (Editorial Graó), publícase este interesante artigo que todos podemos aplicar na nosa vida diaria. A estas alturas do curso, bó será mirar por nós...

Propóñense sinxelos exercicios para mellorar a relaxación e previr lesións provocadas polo estrés. Se queres máis información, consulta o artigo aquí. Lembra non tensar o pescozo mentres lés!

5/2/12

Auditoría Interna

Non precisamos dicir que o pasado martes, 31 de xaneiro celebramos a Auditoría interna correspondente a este curso. Grazas á colaboración de todos e todas vós puidemos desenvolver esa xornada sen problemas. Para que vos fagades unha idea do sucedido nesas horas, aquí vai un resumo en imaxes.




Dos datos recollidos durante o día, e das conclusións ás que chegamos, tedes constancia no seguinte gráfico.

Se queredes máis información, podedes ver o informe, ou o resumo das non conformidades.

17/1/12

En días como hoxe


En días como hoxe todos nos achegamos ao taboleiro para ver onde temos que ir substituir. En días como hoxe non chega o tempo para nada. En días como hoxe, calquera cambio sobre o horario previsto é cousa esperada. En días como hoxe podemos aproveitar para ver á dire polo chan facendo de técnico da UAC.

En días como hoxe, en fin, agradécese volver a casa e pensar que todos nos tomamos os imprevistos cun sorriso e boa vontade, ata máis alá das cinco e media. Grazas pola "pasensia" e boa vontade de todos.

15/1/12

Plan estratéxico

Defintivamente, o da imaxe sería o mellor momento para difundir o Plan Estratéxico, pero este curso houbo outras prioridades, e o tempo é o que hai; de modo que, aínda que se está aplicando, non puidemos difundir de forma axeitada ata este momento, e aqui o tedes. Este é o Plan comezado no 2008 que se prolonga durante todo o mandato do Equipo Directivo. Como vedes, fóronse cumprindo obxectivos (os que están en azul) e outros foron engadidos (os que están en vermello) nos sucesivos cursos. Este Plan Estratéxico aparece recollido curso a curso no Plan Anual, que publicaremos nos vindeiros días.