9/4/10

Nova sesión do Plan de Mellora das TICS


Na tarde de onte, o profesorado do centro asistiu a unha sesión formativa sobre o uso didáctico da Pizarra Dixital Interactiva. O relatorio estivo a cargo de Sebastián Salgueiro Solves, especialista en novas tecnloxías aplicadas á educación, quen, durante 3 horas de paciencia e bo humor impartiu as nocións básicas para que todos perdamos o "medo" a utilizar este novo recurso que abre tantas posibilidades na metodoloxía de ensino. Proporcionou, ademáis, infomación sobre diversas fontes das que obter valiosos recursos para utilizar nas aulas. Agradecemos a Sebastián o seu bo talante, e congratulámonos de ter aprendido tanto e tan rápido. Que non decaiga.

5/3/10

Manos a la obra!





No DOG de onte, día 4 de marzo, anúnciase a licitación da contratación da obra para a ampliación e remodelación do noso cole. Da noticia fanse eco os xornais da provincia, e por suposto, é primeira páxina no noso centro. Non se trata dun agasallo, senón dun obxectivo permanente nos últimos anos por parte do equipo directivo, dadas as deficiencias que se detectan repetidamente, e que levaron, nalgúns casos, á suspensión da actividade docente nalgunha aula. Elaboráronse decenas de informes, que foron enviados teimudamente ás autoridades para a súa toma en consideración, e a excepción da actual Xefa Territorial, celebráronse entrevistas con todos os Delegados que desempeñaron o seu cargo na Delegación da Coruña, e foi manifesta a unanimidade de toda a Comunidade Educativa, ata que chegou o compromiso de Xosé Manuel Mouriz, que foi renovado pola actual Administración. Non queda máis, aparte da natural satisfacción polo traballo feito, que felicitar e agradecer a todos os que, dun ou doutro xeito, uniron as súas forzas para conseguir algo que está xa rexistrado como petición desde as primeiras reunións do Consello Escolar, alá polo ano 1984. Con este panorama, non é de estrañar que todos, ata a mesmísima directora, nos poñamos "mans á obra" coa maior ilusión. Agardemos que os oito meses de obras ofrezan o resultado de ter un edificio á altura da calidade do traballo que se ofrece no seu interior. Amén.

1/3/10

Simulacro de Evacuación

Realizouse por fin o simulacro de evacuación, no que participaron 133 alumnos, 17 profesores, 4 compoñentes do persoal de administración e servizos, e a valiosa axuda de 8 compoñentes do Parque de Bombeiros de Cee, que se persoaron no centro con dous camións completamente equipados. O simulacro desenvolveuse con normalidade, e fomos felicitados polos bombeiros, que resaltaron a excelente actitude do alumnado. Aproveitamos a ocasión para probar diversas instalacións do edificio, comprobando que na ampliación non hai medidas de seguridade suficientes (o lume do simulacro produciuse nunha aula deste edificio). Tamén se comprobou que a toma de auga da entrada funcionaba, e que se pode acceder ao recinto desde o guindastre do camión. Propuxéronse melloras, como:
- mellorar a sinalización de saída con letreiros reflectantes,
- podar as ponlas da árbore que dificulta o acceso ao edificio da ampliación,
- solicitar da Consellería a instalación de portas antipánico,
- clarificar os itinerarios de evacuación do edificio da ampliacion: debe desaloxarse baixando pola parte externa da escaleira para que o equipo de emerxencia polo interior.
Se queres acceder ao informe de realización do simulacro, preme aquí.





Despois da realización do simulacro, recibimos tamén a amable felicitación do Parque de Bombeiros de Cee, que valora o traballo realizado por todo o persoal do centro. Se dexesades ver os seu informe, premede aquí.

Oferta educativa


O C.E.I.P. "Os Muiños" ven de publicar a súa oferta educativa para o curso 2010-2011. Feitas xa as reservas de praza, publícanse as prazas non cubertas para o vindeiro curso. O prazo para solicitar a admisión ábrese a partir de agora e ata o día 31 deste mes de marzo. Unha vez tramitada a admisión, a matrícula farase efectiva entre os días 20 e 30 do mes de xuño. Podes consultar todos os prazos neste documento. Se queres baixar o documento para Solicitude de Admisión, clica aquí.

26/2/10

Resumo do informe


Despois de pechada a non conformidade resultante da auditoría de onte, resumimos as observacións feitas, que axudarán a que o noso Sistema sexa máis efectivo:
- Debemos rematar de adaptarnos á norma UNE-EN ISO 9001:2008, xa que están pendentes os procedementos dos puntos 7 e 8.
- Faranse correccións sinxelas, debidas a erros de interpretación ou a simples despistes, mellorando a efectividade dalgúns controladores (como no caso do control das accións correctivas).
- Procurarase manter un rexistro das reunións do departamento de Orientación no centro.


A Auditora detectou as seguintes oportunidades de mellora:
- Optimización dos cadernos do profesor, e desenvolvemento do caderno electrónico.
- Reducir a burocracia do sistema, así como optimizar a documentación.
Estes aspectos deberán ser tratado desde o Equipo de Dinamización da Calidade, constituído en Grupo de Mellora.

A Auditora Xefe sinalou como puntos fortes da nosa organización os seguintes:
- Colaboración do persoal auditado.
- Implicación do Equipo Directivo no sistema de xestión do centro.
- O blog "O Remuíño".
Sentímonos moi orgullosos destes comentarios, especialmente do primeiro punto, polo que supón de implicación do profesorado no desenvolvemento do traballo. Agradecemos tamén a Noelia, o seu bo carácter e a súa actitude de colaboración e comprensión, que sen dúbida foron de gran axuda para todos.

Non conformidades





A falta de analizar polo miúdo o informe feito pola Auditora Xefa, a auditoría de onte ofrece un resultado magnífico: tan só unha non conformidade, que afecta á xestión, e que se solucionará hoxe mesmo. Polo tanto, non será preciso realizar un Plan de Accións Correctivas. Diante disto, so nos queda felicitar a todo o persoal, tanto o que participiou directamente, como o que tivo que substituir, o que tivo destino neste centro en cursos anteriores, e todos aqueles que pasaron os seus inevitables nervos ao enfrentarse a esta nova experiencia. Sen todos vós este resultado sería imposible. Por iso, a todos, PARABÉNS E MOITAS GRAZAS.

25/2/10

Rexistro de chamadas ás familias


Moitas veces vémonos na necesidade de chamar por teléfono á familia dun alumno, para que veñan recollelo porque se puxo malo, para facer unha consulta sobre o seu comportamento, para citala para unha entrevista,... En moitos casos, non temos constancia de ter realizado esta chamada en ningún lado, ou non está claro por que o fixemos. Para facilitar o noso traballo, e asegurar a verificación desta chamada, colocaremos a carón do teléfono de secretaría un caderno, onde calquera persoa da comunidade educativa que avise á familia dun alumno anote as circunstancias desta chamada. Para ver o modelo, podes clicar aquí.
Probarémolo, e se dá bó resultado, integrarémolo no noso Sistema como un rexistro máis. Se tés calquera suxestión, non esquezas comentala.