23/11/10

Documentos para a avaliación


Antes de comezar a sesión de avaliación, e ademáis de ter presente a acta de XADE coas cualificacións imprimidas, cada titora e titor deberá ter estes documentos:

O noso modelo de "Acta de Avaliación":
É diferente do modelo XADE, porque aquí, ademais de sinalar o número de áreas suspensas e o número de faltas de cada alumno, se acordarán as medidas a tomar en caso de que superen o límite (15% de faltas sobre as sesións totais, ou ter máis de dúas áreas suspensas). Debe ir asinada por todos os asistentes.
A folla de "Claves de apoio":
Servirá para que saibamos o significado das letras e os números que aparecen nas follas da acta da avaliación.
Tamén é importante que estes datos estean rexistrados no noso caderno, o do profesorado ou o da titoría, para facer un seguimento das medidas acordadas.

Por último, debemos ter os "Criterios de non conformidade no control dos cursos", que precisaremos no caso de que o noso grupo non sexa conforme.


En caso de que che falte algún, podes visualizalo, e mesmo imprimilo, premendo no hipervínculo.

PRIMEIRA AVALIACIÓN


Chegou o momento de avaliar. Agora é cando temos que facer unha revisión de todas as anotacións tomadas durante o trimestre, e calcular a cualificación que lle outorgaremos a cada alumno. No caso de infantil, haberá que reflectir a superación ou non dos items escollidos e decidir logo se se acadaron obxectivos. Moito traballo.
Antes de poñernos mans á obra deberemos ter presente o calendario de avaliacións. Hai dúas datas reflectidas: a de entrega de borradores e a da xunta de avaliación.
É preciso ter marcadas as notas en XADE dous días antes da avaliación para que a secretaria poida imprimir os borradores (as actas XADE), e que estean a disposición das titoras e titor correspondente. Non esquezas consultar o calendario e as datas que che corresponden.

27/10/10

Os consellos de Elsa Punset

Hai xa unhas semanas que buscaba este video, do que me falou Aurelia. Coñecedes "El Hormiguero"?: Elsa Punset ten unha sección fixa na que da consellos moi interesantes, e con base científica, para axudarnos a superar certas dificultades. Na vida diaria, no traballo, nas relacións persoais, preséntansenos moitas situacións que, cando remata o día producennos unha sensación de cansanzo e malestar que aumenta a nosa tensión para afrontar un novo dia. O noso cerebro é un experto en fixar a atención nas cousas negativas, e isto deprime aínda máis o noso ánimo. Despois de practicar os exemplos que ela propón (a min deixáronme pasmada, aínda que recoñezo que son pouco observadora), recoméndovos que probedes a seguir o seu consello. Facédeo, como o do Plan Activia, polo menos quince días, e contádenos logo se vos deu resultado. Hai que ser sinceros , eh? Saúde e sorte!

19/10/10

Satisfeitos coa acollida?

Un dos indicadores que pode dar fe das condicións nas que se iniciou o curso é o da acollida ás familias de nova incorporación. Entre o novo alumnado de 3º repartíronse enquisas para avaliar o seu grao de satisfacción. Consideramos que as respostas son satisfactorias se obteñen unha cualificación de 3 ou 4. O 80% das enquisas deben ser satisfactorias. Eis os resultados.




Como vedes, o 54% das enquisas resultaron non conformes (tiveron unha puntuación por embaixo de 16 sobre 20, porque puxemos o listón moi alto).


Se observamos o resultado polo miúdo, proporciona información moi interesante:

As preguntas non satisfactorias son a 2ª ("Xa sabes onde está cada lugar (a biblioteca, a aula de inglés, dirección, os baños,...?"), e a 4ª ("Entendes as normas do Regulamento de Réxime Interno?".)

As sastisfactorias (con cualificación de 3 ou 4) son a 1ª ("Gustouche a visita que fixeches ao centro?") e a 5ª ("Sabes usar a axenda?"). A pregunta 3ª ("Entedes a información sobre o horario escolar?" ten unha aceptación media.


Naturalmente, isto non quere dicir que os nosos alumnos de 3º non se saiban mover polo centro, ou que non saiban que está ben feito ou mal feito. So quere dicir que unha boa parte deles, no momento de comezar as clases, se sentían desorientados. Este resultado é lóxico, xa que nós mesmos, dadas as condicións nas que se desenvolveu o inicio deste curso, nos sentíamos igual.



Por esta circunstancia, entre outras, os rexistros que obtemos de cada actividade nos serán moi útiles á hora de reflectir as nosas condicións de traballo, e de reclamar diante dos responsables, melloras para o noso centro, se é que buscamos presumir dun ensino de calidade.

A orixe das boas ideas


"Elogio a la lentitud" (noutras versións "Elogio de la lentitud") é un libro escrito por Carl HONORÉ, e publicado xa no 2005, que se insire no movimento SLOW, unha corrente de pensamento que promove a vida lenta como favorecedora da felicidade. O traballo en exceso, os horarios sobrecargados, a tensión e as preocupacións xeradas por situacións laborais caóticas non favorecen a productividade e a eficiencia no traballo. Esta mesma filosofía pode aplicarse, por suposto, á forma de comer ("slow food" frente a "fast food"), de deseñar as cidades e o noso espazo vital, de educar aos nosos fillos, de distribuir o noso tempo libre, e mesmo de facer o amor (aínda ninguén escoitou nada sobre o "sexo tántrico"???).
O video de embaixo é unha forma moi clara de presentar de onde proceden as mellores ideas, e penso que detrás destas imaxes subxace unha constante: o descanso. As mellores ideas non xurden espontáneamente, senón que teñen un tempo de reflexión, de maduración, de relax ... O noso cerebro responde mellor cando descansa, funcionamos mellor cando aproveitamos o noso tempo de lecer, cando disfrutamos da familia, dos amigos, dos compañeiros de traballo,... en definitiva, cando buscamos deses instantes, mesmo breves, de felicidade (mellor se é compartida). Poderíamos aclarar ás nosas autoridades que o "SLOW" non significa "non facer nada", "ser inoperante", ou "botarlle o morto a outros", senón "repartir mellor os recursos en beneficio de todos"... Tómate o teu tempo e mira o video... a ver se se che ocorre unha boa idea!
Grazas a "Mesturas" por compartir a súa sabedoría.

13/10/10

A viaxe de María

Durante o curso pasado tivemos dous encontros coa orientadora do C.E.P. "Riomaior"; ela púxonos na pista do que era a escola inclusiva, e comezou coa sensibilización cara aos nenos que, vivindo na nosa escola, viven noutro mundo. Para os especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe, para o equipo de Orientación en xeral, estes son os seus retos do día a día. O resto dos mestres sabemos o difícil que é para nós, comprender a situación destes pequenos, e o que nos custa integralos nas nosas aulas. Moitas veces perdemos a paciencia e dámonos por vencidos cando apreciamos poucos avances ou lles damos máis importancia aos pasiños cara atrás que ás enormes zancadas que dan cara adiante. Se cadra é un erro de perspectiva. Non esquezamos o que aprendimos con "Por cuatro esquinitas de nada" ou "El cazo de Lorenzo" , que podedes volver ver neste blog. O que falta por comentar teredes que engadilo vós.


8/10/10

Partes de incidencias

Na vida diaria do
centro debemos enfrentarnos con frecuencia a actitudes negativas por parte do alumnado. Dispoñemos dun documento que nos será moi útil durante o curso para recoller estas incidencias. O anverso debe ser cuberto pola persoa que abre o parte (un profesor, a coidadora, as nais colaboradoras, ...). O reverso será cuberto pola Xefa de Estudos, despois de obter a información sobre a incidencia, e decidir que medida se vai tomar. Lembrade que o obxectivo deste parte non é "castigar", senon rexistrar un feito que non consideramos "normal", e tomar unha decisión para que non se volva repetir.
Se observades o parte, veredes que hai un encabezado no que a Xefa de Estudos debe consignar un número; polo tanto, non debemos cubrilo. Si debemos encher o seguinte apartado, no que anotamos o noso nome (porque fomos testemuñas da incidencia), a data na que se abre o parte, a área que se estaba impartindo no momento de abrir o parte (tamén pode consignarse "Hora de Ler", ou "recreo"), e a sesión (os recreos tamén se consideran sesións).

No seguinte apartado, anotaremos o nome do alumno ao que se refire o parte. É aconsellable que, se hai varios alumnos implicados, se abra un parte para cada un. Apuntamos tamén a titoría do alumno.
No caixetín inferior explicaremos por que se abre o parte. As causas poden ir desde "non participar ou poñer en cuestión actividades de clase" (pode provir dun rexistro reiterado deste feito no caderno do profesorado), ata os danos materiais, ou agresións físicas. Se ningunha destas circunstancias ten que ver coa incidencia observada, podemos apuntalo embaixo. En todo caso, é moi importante describir os feitos o máis explícitamente posible. Como hai pouco espazo neste documento, podemos facelo noutro papel, e grapalo co parte. O imprescindible é que quede ben claro o que pasou.
O que queda por facer é moi sinxelo: asinamos, e entregamos á Xefa de Estudos inmediatamente. OLLO!: a inmediatez é moi importante, xa que a Xefatura de Estudos debe estar informada de calquera falta de comportamento por se tivese que atender a reclamación das familias ou doutros alumnos. A partir de aquí, a Xefa de Estudos consultará coas partes implicadas para tomar unha decisión; consultará co Equipo da Dinamización da Convivencia, informará a quen corresponda, e fará chegar unha copia do parte ao titor ou titora para que tamén estea informado.
Todo isto quedará reflectido no reverso do documento, que non debe ser cuberto pola persoa que abriu o parte.
Non esquezades que este rexistro é un importante instrumento de coordinación, que ten demostrado xa a súa eficacia, que axuda á mellora da convivencia, e moitas veces a descubrir situacións que doutro xeito pasarían desapercibidas. Lembrade manter a confidencialidade do seu contido (a non ser que se decida como medida a tomar o contrario). Se non dispoñedes de ningún modelo en branco, podedes atopalo nos enlaces de enriba, ou na carpeta que está na estantería da sala de mestres.