19/10/10

A orixe das boas ideas


"Elogio a la lentitud" (noutras versións "Elogio de la lentitud") é un libro escrito por Carl HONORÉ, e publicado xa no 2005, que se insire no movimento SLOW, unha corrente de pensamento que promove a vida lenta como favorecedora da felicidade. O traballo en exceso, os horarios sobrecargados, a tensión e as preocupacións xeradas por situacións laborais caóticas non favorecen a productividade e a eficiencia no traballo. Esta mesma filosofía pode aplicarse, por suposto, á forma de comer ("slow food" frente a "fast food"), de deseñar as cidades e o noso espazo vital, de educar aos nosos fillos, de distribuir o noso tempo libre, e mesmo de facer o amor (aínda ninguén escoitou nada sobre o "sexo tántrico"???).
O video de embaixo é unha forma moi clara de presentar de onde proceden as mellores ideas, e penso que detrás destas imaxes subxace unha constante: o descanso. As mellores ideas non xurden espontáneamente, senón que teñen un tempo de reflexión, de maduración, de relax ... O noso cerebro responde mellor cando descansa, funcionamos mellor cando aproveitamos o noso tempo de lecer, cando disfrutamos da familia, dos amigos, dos compañeiros de traballo,... en definitiva, cando buscamos deses instantes, mesmo breves, de felicidade (mellor se é compartida). Poderíamos aclarar ás nosas autoridades que o "SLOW" non significa "non facer nada", "ser inoperante", ou "botarlle o morto a outros", senón "repartir mellor os recursos en beneficio de todos"... Tómate o teu tempo e mira o video... a ver se se che ocorre unha boa idea!
Grazas a "Mesturas" por compartir a súa sabedoría.

13/10/10

A viaxe de María

Durante o curso pasado tivemos dous encontros coa orientadora do C.E.P. "Riomaior"; ela púxonos na pista do que era a escola inclusiva, e comezou coa sensibilización cara aos nenos que, vivindo na nosa escola, viven noutro mundo. Para os especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe, para o equipo de Orientación en xeral, estes son os seus retos do día a día. O resto dos mestres sabemos o difícil que é para nós, comprender a situación destes pequenos, e o que nos custa integralos nas nosas aulas. Moitas veces perdemos a paciencia e dámonos por vencidos cando apreciamos poucos avances ou lles damos máis importancia aos pasiños cara atrás que ás enormes zancadas que dan cara adiante. Se cadra é un erro de perspectiva. Non esquezamos o que aprendimos con "Por cuatro esquinitas de nada" ou "El cazo de Lorenzo" , que podedes volver ver neste blog. O que falta por comentar teredes que engadilo vós.


8/10/10

Partes de incidencias

Na vida diaria do
centro debemos enfrentarnos con frecuencia a actitudes negativas por parte do alumnado. Dispoñemos dun documento que nos será moi útil durante o curso para recoller estas incidencias. O anverso debe ser cuberto pola persoa que abre o parte (un profesor, a coidadora, as nais colaboradoras, ...). O reverso será cuberto pola Xefa de Estudos, despois de obter a información sobre a incidencia, e decidir que medida se vai tomar. Lembrade que o obxectivo deste parte non é "castigar", senon rexistrar un feito que non consideramos "normal", e tomar unha decisión para que non se volva repetir.
Se observades o parte, veredes que hai un encabezado no que a Xefa de Estudos debe consignar un número; polo tanto, non debemos cubrilo. Si debemos encher o seguinte apartado, no que anotamos o noso nome (porque fomos testemuñas da incidencia), a data na que se abre o parte, a área que se estaba impartindo no momento de abrir o parte (tamén pode consignarse "Hora de Ler", ou "recreo"), e a sesión (os recreos tamén se consideran sesións).

No seguinte apartado, anotaremos o nome do alumno ao que se refire o parte. É aconsellable que, se hai varios alumnos implicados, se abra un parte para cada un. Apuntamos tamén a titoría do alumno.
No caixetín inferior explicaremos por que se abre o parte. As causas poden ir desde "non participar ou poñer en cuestión actividades de clase" (pode provir dun rexistro reiterado deste feito no caderno do profesorado), ata os danos materiais, ou agresións físicas. Se ningunha destas circunstancias ten que ver coa incidencia observada, podemos apuntalo embaixo. En todo caso, é moi importante describir os feitos o máis explícitamente posible. Como hai pouco espazo neste documento, podemos facelo noutro papel, e grapalo co parte. O imprescindible é que quede ben claro o que pasou.
O que queda por facer é moi sinxelo: asinamos, e entregamos á Xefa de Estudos inmediatamente. OLLO!: a inmediatez é moi importante, xa que a Xefatura de Estudos debe estar informada de calquera falta de comportamento por se tivese que atender a reclamación das familias ou doutros alumnos. A partir de aquí, a Xefa de Estudos consultará coas partes implicadas para tomar unha decisión; consultará co Equipo da Dinamización da Convivencia, informará a quen corresponda, e fará chegar unha copia do parte ao titor ou titora para que tamén estea informado.
Todo isto quedará reflectido no reverso do documento, que non debe ser cuberto pola persoa que abriu o parte.
Non esquezades que este rexistro é un importante instrumento de coordinación, que ten demostrado xa a súa eficacia, que axuda á mellora da convivencia, e moitas veces a descubrir situacións que doutro xeito pasarían desapercibidas. Lembrade manter a confidencialidade do seu contido (a non ser que se decida como medida a tomar o contrario). Se non dispoñedes de ningún modelo en branco, podedes atopalo nos enlaces de enriba, ou na carpeta que está na estantería da sala de mestres.


23/9/10

Avaliación Inicial


Lamentablemente este inicio de curso vai ralentizado por circunstancias alleas ao noso traballo. Sen embargo, como mestres, estamos no período de ir facendo unha valoración das capacidades do noso alumnado. Para os titores, este labor é especialmente importante, sobre todo se é a primeira toma de contacto co alumnado. Na aplicación XADE contamos coa posibilidade de introducir datos para realizar esta avaliación inicial.
Se eres titor, e tomas contacto por primeira vez co teu grupo, preme aquí para seguir as instruccións. Recóllense datos sobre o desenvolvemento das competencias básicas, informes previos, medio sociofamiliar, e outras observacións que estimes oportunas. Será moi útil que utilices a información das carpetas colgantes do arquivo de secretaría (lembrando sempre que teñen carácter CONFIDENCIAL).
Non esquezas que estes datos aparecerán automáticamente reflectidos no informe final que se obtén a finais de curso.

16/9/10

Mira pola túa saúde

Este é o tipo de consellos que se len e se cumpren pouco. Se queres ter unha vida sana durante este curso, preocúpate de coidarte onde máis horas pasas: no traballo. As posicións que adoptamos diante do computador son a maioría das veces (dígoo por propia experiencia) nocivas para a espalda e para a vista. Botádelle unha ollada a esta presentación e pensade se o estades facendo ben. Vixiade tamén as posturas dos que vos acompañan, a forma de sentarse e traballar dos vosos alumnos... Estámolo facendo ben? Uns minutos de entrenamento poden supoñer un gran avance na saúde de todos. A coidarse!

13/9/10

Preparados, listos...xa!




Aínda que os inicios foron algo atropelados, imos compoñendo o noso equipo de traballo para este novo curso. Agora que pasaron as Festas da Barca chega o definitivo inicio das clases. Aos que xa estaban, aos que se foron incorporando, e aos que chagarán, feliz comezo!
De aquí a finais de xuño compartiremos novas experiencias, bós momentos (e menos bós), afectos e sobre todo moito, moito traballo. Tede en conta que un dos aspectos máis valorados polo profesorado do noso centro é a relación co alumnado; o resto, haberá que ir amañándoo con boa vontade. E proba disto son as imaxes de enriba, non? Parabéns a todos pola vosa disposición.

14/7/10

Xa está lista!


Como pasa sempre, con présas, acabamos de preparar a axenda escolar para o curso 2010-2011. Nesta ocasión, incluímos preguntas con "Por que?", ás que podemos atopar resposta na propia axenda, e ampliala na biblioteca. A axenda é unha ferramenta fundamental para facilitar a comunicación entre a familia e o profesorado, e unha axuda moi importante para organizar o traballo do alumno.