24/2/10

Auditoría Externa



Moitos vos preguntaredes para que hai que pasar unha segunda auditoría (con persoal externo), se xa pasamos unha auditoría interna. Tentaremos explicalo de forma sinxela.
O obxectivo da auditoría interna foi revisar toda a documentación para ver o que se podía mellorar. E a externa consiste en comprobar desde fóra, que de verdade fixemos o que tiñamos planificado. A función de Noelia (a auditora que virá) é axudarnos a comprobar que realmente está todo como ten que estar. A nosa función é colaborar.

Poñamos un exemplo: a un titor pode preguntarlle por un alumno con NEAE. Se o resultado na última avaliación foi negativo, houbo propostas de medidas a tomar. Temos rexistro do seu seguemento no noso caderno ou no da profesora de apoio?
Que pasa se non temos o que se nos pide? Nada. A auditora anota que non ten evidencia de que estes datos estean recollidos, sen explicitar o profesor ou alumno concreto (non é un dato relevante) para que busquemos logo formas de solucionalo. Por suposto, os datos concretos de alumnado, profesorado, etc., son completamente confidenciais, e non entran a formar parte da auditoría. O que interesa é se se está cumprindo o proceso que temos planificado, e cales son as evidencias de que se cumpre.
Unha vez rematada a auditoría, Noelia redactará un informe, no que se enumeran as accións que debemos levar a cabo para reparar posibles erros e daranos un prazo dun mes para facer un Plan de Accións Correctivas. Enviarémoslle este Plan, e deste xeito quedará actualizada a nosa certificación.

23/2/10

Segunda avaliación

Achégase o final do segundo trimestre. Parece mentira, pero xa temos que ir recopilando todos os rexistros para ir subindo as cualificacións á aplicación XADE. Os primeiros, como sempre, serán os de Infantil. O día 2 de marzo será a data tope para imprimir os borradores, xa que a súa sesión de avaliación se celebrará o día 4 de marzo. Non esquezas consultar o calendario, para que toda a documentación estea lista no momento de celebrar a reunión. Nas entradas correspondentes á primeira avaliación do Remuíño tés a relación de documentos que precisas. Os titores xa teñen os impresos das actas nos seus ficheiros.

Medidas de Autoprotección


Na tarde de onte reuniuse a Xunta de Autoprotección e aprobou o documento que analiza os riscos potenciais do centro e as medidas a tomar en caso de emerxencia. Podes consultalo clicando aquí.
Nos vindeiros días poñeremos a proba o noso sistema, e detectaremos en que partes debemos mellorar as condicións do noso centro para sentirnos máis seguros.

18/2/10

Plan de Calidade do Transporte


Os Plans de Calidade son unha forma de planificar a mellora nun servizo que non está incluído no Sistema. Trátase de describir de que maneira imos organizar ese servizo para que o resultado sexa o máis satisfactorio posible. Neste caso, propuxémonos mellorar, no que ao centro atinxe, o Transporte Escolar, de forma que tanto o alumnado como as familias coñezan os seus dereitos e deberes: coñecer a parada no momento da matrícula, saber en que condicións poden pedir o cambio de parada, e coñecer as normas de uso. Tamén queda establecido de que forma se tratarán as incidencias que rexistran as acompañantes. Esta tarefa atinxe moi particularmente á Comisión de Convivencia. Se queres saber máis sobre este Plan, preme aquí.

1/2/10

Resultado da auditoría


Durante a Auditoría Interna celebrada o pasado día 25, o Equipo Auditor elaborou un informe do que se deducen interesantes observacións e suxestións, e catro non conformidades. Tédelas dispoñibles no documento "Relación de non conformidades na Auditoría Interna". Comentámolas a continuación:
- A principios de curso repartimos entre os alumnos recién incorporados unhas enquisas para valorar a acollida. Non sabemos onde están, e deberemos tomar algunha medida para que isto non se volva repetir.
- O procedemento de "Orientación" está en fase de reelaboración. No que está vixente actualmente non consta ningún criterio de aceptación, que incluiremos no prazo máis breve posible.
- Non están cubertas as presentacións de todas as áreas. Xa sabiamos que isto ía pasar, dadas as circunstancias que se produciron a principios de curso. Haberá que habilitar algunha medida para que se presenten todas, mesmo fóra de prazo.
- Será preciso mellorar e facilitar o seguimento do caderno do profesorado, xa que nalgún caso non hai evidencia de que se apliquen os reforzos planificados, por exemplo. Buscaremos algún método para facilitar o seguimento do alumnado.
En resumen, das catro non conformidades, 1 se corresponde co procedemento de acollida ao alumnado, outra co procedemento de orientación, e dúas máis coas actividades de aula. O que debemos facer neste momento é deseñar algunha estratexia correctora para que as deficiencias detectadas non se volvan repetir. Manterémosvos informados.

26/1/10

Autoprotección


Aínda estamos a tempo de cumprir co calendario anual de autoprotección. Tal como explicamos no claustro da semana pasada, renovamos o grupo operativo, e comezamos o período de formación. Se queres consultar as consignas de autoprotección, podes premer aquí, xa que che servirán de guía para comentalas cos teus alumnos. Non esquezas observar o plano que hai a carón da túa aula, e pegar en lugar visible os puntos de encontro. Faremos un ensaio o luns, 22 de febreiro, para ver se todos sabemos o lugar que debemos ocupar.

25/1/10

Desenvolvemento da Auditoría Interna

Aínda que comezos con algo de retraso, a auditoría interna deste curso desenvolveuse con normalidade e sen especiais sorpresas. Notouse, por suposto, que non era un día normal: houbo que unir grupos, facer substitucións,... houbo máis patio para os nenos e para os profes. Aparte diso, non podemos obviar o magnífico ambiente de traballo no que se desenvolveu a xornada. A colaboración das nosas compañeiras do CRA de Ponteceso e dos asesores da Consellería, José Antonio e José Manuel foi valiosísima. Agradecemos especialmente a boa disposición dos observadores: Begoña, Estela, Rocío e Romu estiveron ao pé do canón, tomando notas, e ofrecendo suxestións (verdade....?). E, por último, os profes e persoal auditado, que puxeron á nosa disposición o seu traballo, valorando as aportacións que ofreceron os demais. A partir de agora poderemos mellorar a utilidade práctica dos nosos cadernos, facer máis áxiles as nosas programacións e poñer definitivamente en marcha procedementos que tiñamos collidos con fíos. Definitivamente, unha xornada moi aproveitada. Próximamente publicaremos o informe.Parabéns a todos.