7/6/12

Adiamos a Xunta de Avaliación

Despois de ver as caras desta mañá e de darnos conta mirándonos que non somos os únicos agobiados, a solución S.C. (sentido común) é: precisamos unha semana máis. Pois ben, postos todos dacordo, por que non? Mantemos o horario, pero trasladando as Xuntas de Avaliación do luns 11 e martes 12 para o 18 e 19. Só hai que contar con que os titores van ter que imprimir os boletíns a toda présa!

Lembrade que o importante é a saúde, e xa temos bastantes atrancos como para poñernos un máis.

Abalamos?

Pois si, xa está publicada a lista na que aparecen seleccionados os centros que entran a formar parte do proxecto ABALAR. Mira por onde, viñémonos enterando pola prensa, polo facebook, polo boca-orella, pero non pola Consellería. Pero cando a nova é boa, hai que recibila ben, así que ... abalemos!
Non imos desaproveitar a ocasión de agradecer a todo o profesorado a súa colaboración no proxecto. Coa vosa enerxía e o voso traballo conseguiuse esta que esperemos sexa unha grande mellora para o cole e o noso alumnado.
Por certo, habería que ir facendo un fondo para mercar unha coiraza protectora para a titora de 5º, que será a que desenvolva o proxecto na aula... Parabéns, Isa!

6/6/12

Terceira avaliación e final

Achégase o fin de curso e, naturalmente, as decisións finais. Píllannos sempre "de improviso" as avaliacións, e máis se temos en conta que esta é a final. Por se tés dúbidas, consulta o calendario da vindeira semana:
Non esquezas levar contigo a documentación necesaria (seguimento do alumnado, claves para cubrir as actas). Tede en conta que os niveis que rematan ciclo deben celebrar tamén avaliación final, e valorar a promoción do alumnado. Se é preciso consignar calquera observación, podedes facelo nun folio que se anexará á acta de avaliación, recollendo as aportacións de todos os participantes na Xunta de Avaliación. Xa queda menos. 

24/5/12

Satisfacción

O mes de maio é o mes das flores, e tamén o das enquisas. Florecen resultados que son o espello onde mirarnos, para ter outra visión allea á nosa, "persoal e intransferible" de como é a vida no centro.
As gráficas anteriores amósannos que o alumnado de 4º e 6º está,  moi satisfeito coa escola (se exceptuamos a observación de 6º coa desaparición das actividades complementarias e extraescolares (pregunta 3). Podemos felicitarnos dos resultados coa pregunta 2 (o labor do teu titor) e 4 (a relación cos teus compañeiros). Tamén son moi valorados o servizo de transporte e o de biblioteca.

Se observamos as respostas das familias (fíxose un "muestreo" entre as que rematan ciclo), vemos que todas as familias, de poder escoller, volverían matricular os seus fillos e fillas no C.E.I.P. "Os Muíños" (pregunta 1). Superan o 80% de satisfacción a "formación" que se recibe (pregunta 2) a relación co titor ou titora (pregunta 5) e o servizo de biblioteca (pregunta 13). Os niveis mais baixos de aceptación corresponden ás instalacións do centro (pregunta 7), resultado plenamente xustificado polos sucesivos retrasos no remate das obras.
Observando as gráficas que se corresponden co persoal (docente e non docente), repítese a baixa cualificación de equipamento e recursos (entre o persoal docente). Superan o 80% de satisfacción o labor do equipo directivo (pregunta 3) e a relación co alumnado (pregunta 7). Entre o profesorado, o sistema de mellora que desenvolve o centro cumpre co criterio de calidade, pero na súa cota máis baixa, o que obrigará á esta "responsable" a poñer en evidencia as vantaxes que para o noso traballo supón este labor "extra" que desenvolve o profesorado. Con todo, máis do 80% do persoal repetiría gustoso no centro. Máis satisfeito aínda está o persoal non docente, que supera en case todos os casos o 80%. Só a insatisfacción con respecto ao resultado do seu traballo obtén unha cualificación non satisfactoria. Haberá que investigar, xa que o grao de felicidade no lugar no que pasamos a maior parte do tempo é decisivo na nosa saúde. Debemos buscar a satisfacción maior na nosa vida e, polo tanto, no noso traballo. Veremos que pasa o curso que ven.
NOTA: Se queres ver a gráfica completa, preme sobre cada unha delas.

10/5/12

Top 10 das ferramentas TIC-TAC

O termo "TIC-TAC" ven relacionar as "tecnoloxías da información e a comunicación" co noso labor, como "tecnoloxías da aprendizaxe e a comunicación". Moitas veces "bloqueámonos" coa cantidade de aplicacións que hai ao noso alcance para manexar na clase, desbordándonos de información. Da mesma forma que non seremos nunca capaces de ler todos os libros que nos apetecen, tampouco poderemos utilizar todas as tecnoloxías que consideramos aproveitables. A modo de pequena guía, aportamos este video que resume algunhas moi útiles para o noso traballo:

Para que non teñas que revisar todo o video, clica na lista e accede a un titorial sinxelo:

10. Wikispaces 

9. Slideshare

8. Glogster

7. Prezi

6. Google

5. Blip.tv

4. Jamendo

3. Scribd

2. Dropbox

1. Twitter

 

16/3/12

Cuestionarios on-line



Xa temos probado noutras ocasións os cuestionarios on-line. A ferramenta googledocs ofrece a posibilidade de crear un "formulario" con distintas opcións (podes escoller "si/non", anotar valoración nunha escala, unha resposta libre,...). Existe outra posibilidade, se queremos facer unha soa pregunta na nosa enquisa: kwiqpoll.com. Non é preciso rexistrarse e faise en dous "click". Ten un tempo límite de resposta (7 días), pero é supersencilla. Se queres saber máis, tés información na páxina de educacontic.com.

15/3/12

Acta de avaliación

Desde esta semana e ata finais de marzo estamos a desenvolver as sesións de avaliación. Como transcurren tres meses entre unha e outra esquecemos as "rutinas" desta actividade, e aproveitamos esta entrada para "refrescar" a memoria.
Dispoñemos de varios documentos que son necesarios para a Xunta de avaliación. En primeiro lugar, as anotacións rexistradas no "caderno do profesor" sexa cal sexa ou seu formato. Con estes tdatos teremos xa "subidas" a XADE as cualificacións do grupo avaliado. Todos os mestres participantes na sesión dispoñerán do listado de "cualificacións", para contrastar impresións con elas. Podemos modificar as cualificacións despois da sesión se o acordamos así.

O titor ou titora dispoñerá dun rexistro das faltas, para comprobar que ningún dos seus alumnos supera o límite permitido para ter dereito á avaliación continua.
Cos datos das faltas cubriremos a columna da esquerda, e en caso necesario, reflectiremos as medidas adoptar. Cos datos das cualificacións cubriremos a columna da dereita, tendo en conta que se algún alumno supera dúas áreas suspensas, considerámolo "alumno non conforme". Neste caso, acordaremos medidas a tomar, que quedarán tamén rexistradas nos cadernos do profesorado participante. Deste modo, garantimos a coordinación necesaria na sesión de avaliación.
O resumo de alumnado non conforme recóllese na portada da acta (en cifras absolutas e porcentaxe), para facilitar o balance académico que redacta a Xefa de Estudos.
Para rematar de cubrir correctamente a acta, os titores e titoras reflectirán o número de áreas non conformes según a programación impartida (na primeira páxina da acta). Aquí debe asinar tamén o profesorado participante na sesión.


Lembrade que o modelo de acta e o rexistro de faltas están recollidos nas carpetas colgantes de cada titoría. Os rexistros de cualificacións repartiranse nos casilleiros antes da sesión de avaliación.

Unha vez rematada a sesión e coas cualificacións definitivas cumprimentadas, xa podemos imprimir os boletíns. Tedes as portadas na carpeta colgante do voso grupo.

Boa xornada.