14/7/10

Xa está lista!


Como pasa sempre, con présas, acabamos de preparar a axenda escolar para o curso 2010-2011. Nesta ocasión, incluímos preguntas con "Por que?", ás que podemos atopar resposta na propia axenda, e ampliala na biblioteca. A axenda é unha ferramenta fundamental para facilitar a comunicación entre a familia e o profesorado, e unha axuda moi importante para organizar o traballo do alumno.

17/6/10

Acollida


Como todos os anos, o cole recibe a visita dos alumnos que se matriculan por primeira vez no centro. Son os alumnos que chegan do C.E.I.P. "Virxe da Barca" e os pequenos de infantil que comezan o cole en setembro. Para que nos coñezan eles e as súas familias, recibímolos compartindo un par de horas con eles. Os alumnos de "Virxe da Barca", que comezan 3º de primaria o vindeiro curso, foron acollidos polos seus compañeiros, que estaban moi nerviosos e contentos por coñecelos. Posaron moi satisfeitos coas súas familias e o seu mestre, na entrada do centro. Os máis pequenos disfrutaron dunha merendiña e un tempo de lecer no patio da escola, como podemos ver no blog de infantil.

25/5/10

A satisfacción

Agora que xa vemos próximo o fin do curso escolar, chega o momento da reflexión. Os cuestionarios repartidos durante o mes de abril ofrecen información moi interesante que dará lugar á priorización de obxectivos de mellora para o vindeiro curso.


Estes son os resultados que ofrecen os cuestionarios repartidos ao alumnado de 4º e 6º de primaria. Chama a atención o alto grao de satisfacción que recollen as 3 primeiras respostas, referidas ao nivel de formación, labor do titor ou titora, e actividades complementarias, así como a última (referida á biblioteca). Tamén é chamativo o baixo resultado rexistrado na pregunta 8 en 6º (o servizo de limpeza).




Vexamos agora os resultados recollidos entre as familias de 6º de infantil, e de 2º, 4º e 6º de primaria:
Repítese a baixa valoración que rexistra o equipamento do centro e as instalacións (preguntas 6 e 7), así como o servizo de limpeza (pregunta 10).



Podemos sentirnos moi orgullosos da opinión que lles merecen o trato co titor, e en xeral cos servizos relacionados co persoal do centro. Chama igualmente a atención a alta cualificación que ofrece a opinión do centro que se ten na zona (un 80% de valoración positiva), e é definitiva a resposta á 1ª pregunta ("De poder escoller, volvería matricular ao seu fillo no noso centro?), que supera en todos os casos un 80% de aceptación.


De vital importancia é a opinión do persoal que traballa no centro, xa que tamén somos usuarios del como docentes, ou como persoal de servizo.


É evidente que as instalacións e o equipamento deixan moito que desexar. Agardamos que coas obras prometidas no vindeiro curso o resultado sexa ben distinto.

A relación co alumnado merece unha das cualificacións máis altas (pregunta 7), e son moi ben valoradas as que se refiren á satisfacción no centro (da 1 á 3).

En xeral, a satisfacción en todos os ámbitos supera o criterio de calidade que tiñamos marcado, o que nos anima a continuar esforzándonos por mellorar o noso traballo, que é en definitiva, ofrecer un servizo de calidade.

18/5/10

Disculpas aos colaboradores anónimos

A miña torpeza e as présas fixeron que ignorara un comentario anónimo que acompañaba un enlace (que non souben ler) para este video sobre a educación inclusiva: "El cazo de Lorenzo". É innecesario explicar de que vai. O mellor é velo:

23/4/10

Balance educativo 2º trimestre

Aquí estamos de novo. O curso avanza veloz coma un dos nosos barcos piratas. E éstes son os resultados ( obtidos das actas das xuntas de avaliación)acadados pola nosa tripulación no 2º trimestre do curso 2009-2010.


19/4/10

Atención á diversidade


Unha nova xornada de formación desenvolveuse ao fío do PFAC adicado á elaboración do noso proxecto educativo. A relatora foi Luz Lorenzo, orientadora que desempeña o seu labor no C.E.P. "Riomaior", en Pontevedra. Na reunión co grupo de traballo que desenvolve o Proxecto de Formación e Asesoramento en Centro, Luz adicouse a sensibilizar ao profesorado sobre a realidade do alumnado que precisa apoio e atención específica, destacando a relevancia da escola como lugar de inclusión e integración. Proporcionou información e documentación extensa, e facilitou a reflexión sobre a atención á diversidade no C.E.I.P. "Os Muíños", servíndose da lectura de artigos de especialistas como Ramón Flecha, ou Santos Guerra, e apoiándose en significativos videos como "Por cuatro esquinitas de nada", moi recomendable para entender a filosofía do seu traballo.


9/4/10

Nova sesión do Plan de Mellora das TICS


Na tarde de onte, o profesorado do centro asistiu a unha sesión formativa sobre o uso didáctico da Pizarra Dixital Interactiva. O relatorio estivo a cargo de Sebastián Salgueiro Solves, especialista en novas tecnloxías aplicadas á educación, quen, durante 3 horas de paciencia e bo humor impartiu as nocións básicas para que todos perdamos o "medo" a utilizar este novo recurso que abre tantas posibilidades na metodoloxía de ensino. Proporcionou, ademáis, infomación sobre diversas fontes das que obter valiosos recursos para utilizar nas aulas. Agradecemos a Sebastián o seu bo talante, e congratulámonos de ter aprendido tanto e tan rápido. Que non decaiga.